San Sadurniño brilla nos premios Xuventude Crea

0

Onte entregáronse en Santiago os Premios Xuventude Crea, convocados pola Xunta de Galicia para recoñecer o talento da mocidade en campos tan diversos como o audiovisual, a moda, o deseño ou a danza, entre outros. San Sadurniño foi, sen dúbida, un dos concellos máis e mellor representados no certame, xa que a nosa veciña Sandra Martínez -@nosagranxa en Instagram e Tiktok- levou o primeiro premio na categoría de creación de contido, mentres que o fotógrafo Iago Lourido conseguiu unha mención de honra no apartado de fotografía pola reportaxe realizada o ano pasado nas protestas dos bombeiros comarcais. E a presenza sadurniñesa non parou aí, xa que na categoría de videocreación, a realizadora viguesa Raquel Álvarez tamén foi galardoada pola peza “Estruturas. Apuntes de San Sadurniño”, filmada durante a sétima edición do Chanfaina lab. 

Sandra Martínez conseguiu triunfar nas redes sociais publicando anacos do seu propio proceso de conversión en granxeira. En Instagram conta con máis de 34.000 persoas seguidoras, pendentes dos reels que publica periodicamente con tutoriais sobre o coidado dos animais, outros con receitas de alimentos que ela mesma cultiva ou simplemente pequenas pezas sobre un xeito de vida  cheo de pequenos e grandes retos diarios ao que ela, urbanita e avogada, tivo que ir adaptándose pouco a pouco.

As canles en redes son a parte visible dun proxecto persoal e vital compartido coa súa parella que vai máis aló da curiosidade. Sandra frecuenta os mercados e feiras da zona cos seus produtos artesáns -dispoñibles tamén na tenda en liña da súa web, www.nosagranxa.es– e aspira a compartir a súa experiencia creando unha  granxa-escola virtual cunha marcada orientación ao coidado do territorio e a sostenibilidade.

Pola súa banda, Iago Lourido, veciño tamén de Naraío, é un creador mozo (ten 20 anos) que desde neno mostrou inquedanzas polo mundo da imaxe, tal e como demostra a súa participación no Chanfaina lab desde 2019 diante e detrás das cámaras. De feito, a  peza que realizou para o encontro audiovisual do ano pasado, titulada “Velos na tebra”, foi seleccionada para o Festival S8 de cinema periférico da Coruña.

Despois de facer o Bacharelato de Artes no IES Concepción Arenal matriculouse na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, en Santiago, para cursar estudos de fotografía. Neste campo é onde máis está traballando, nomeadamente no ámbito da fotografía urbana e do fotoxornalismo. Unha das súas series, centrada nas protestas laborais dos bombeiros comarcais, foi a que lle valeu a mención de honra no Galicia Crea. Máis recentemente tamén estivo en Valencia facendo seguimento da catástrofe provocada polas inundacións.

E a terceira vinculación dos Galicia Crea 2024 con San Sadurniño veu a través do apartado de videocreación, xa que a realizadora viguesa Raquel Álvarez conseguiu o segundo premio desta categoría coa curtametraxe experimental “Estruturas. Apuntes de San Sadurniño” filmada durante a primeira fin de semana de setembro de 2022 dentro da sétima edición do Chanfaina lab.

Álvarez, nada en Vigo en 1998, é técnica en realización audiovisual pola EISV e graduada en Belas Artes pola Uvigo. Leva realizado varios traballos relacionados coa dirección de arte, vídeocreación e instalacións. Tamén, formou parte da asociación cultural Fuck This Studio e de Percal Lab , un evento baseado en xornadas de obradoiros ao redor da captación analóxica e á reprodución da imaxe real. En agosto de 2022, xusto antes da súa participación no Chanfaina, tamén accedeu a unha bolsa da convocatoria Future Stories co seu proxecto “Encontros e agochos” onde aborda o concepto de refuxio a través do tecido.

“Estruturas. Apuntes de San Sadurniño”, a peza que lle valeu o recoñecemento do Galicia Crea, “é un rexistro observacional realizado dende a ollada allea sobre lugares e estruturas que a veciñanza de San Sadurniño ten diante dos ollos todos os días, pero que non se ven porque están integrados na paisaxe cotiá”, tal e como  explica na canle do Chanfaina lab o profesor e académico Manolo González.

Share.