San Sadurniño súmase este domingo á limpeza simultánea de ríos

0

Este domingo 1 de outubro desenvolverase en máis de 40 concellos de toda Galicia a X Xornada de limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos”, impulsada por ADEGA dentro do Proxecto Ríos. Trátase dunha iniciativa de concienciación e conservación ambiental coa que se busca librar os cauces de entullos e restos contaminantes. En San Sadurniño a limpeza farase ao longo do paseo fluvial do Xuvia e non en Santa Mariña, como estaba previsto inicialmente e anunciado no Novas. Para participar é necesaria inscrición previa chamando ao Concello -981 490 027- ou pasando polo rexistro municipal. Só fai falla levar botas de auga e roupa impermeable por se chove, o resto do material necesario e da loxística de apoio é cousa do Concello. A saída está posta para as 10.00h. desde a ponte situada ao carón do mesón A Granxa.

O río é un ecosistema complexo que cómpre manter nas mellores condicións posibles para un bo desenvolvemento da flora e da fauna. No outono prodúcese un parón biolóxico e por iso é a mellor época para facer tarefas de limpeza e mantemento tanto nas ribeiras como dentro da auga. O Proxecto Ríos impulsado pola Asociación ecoloxista ADEGA pretende precisamente iso, facer labores de conservación en varios cauces e, ao tempo, concienciar sobre o ciclo da auga e o ambiente.

Esta iniciativa arrancou en 2008 e desde aquela desenvólvese sempre no domingo da última fin de semana de setembro -neste caso o 1 de outubro- e de maneira simultánea en distintos puntos do territorio galego. Na presente edición colaboran 20 concellos e hai confirmada a participación de 65 entidades, entre áreas municipais, asociacións veciñais e outros colectivos, sexan ou non de perfil ambientalista.

San Sadurniño é un dos habituais na cita desde os seus comezos. O ano pasado non se organizou, pero en anteriores edicións limpáronse tramos do Aceiteiro, do regato de Bardaos e varios puntos do Castro, tanto en Naraío como en Igrexafeita.  Desta vez a zona escollida para a limpeza é a do paseo fluvial do Xuvia, con saída a iso das 10.00h. desde a explanada do mesón A Granxa. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- estímase que durará desde pouco despois desa hora até as 13.30h.

Aconséllase levar roupa cómoda -impermeable se chove-, botas e luvas. Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial. Na web do proxecto podemos atopar moitos consellos de utilidade: dividir a limpeza por zonas e en grupos, separar por tipos o lixo recollido e, sobre todo, atender á seguridade.

Trátase dunha proposta moi recomendable para vivir en familia e, ademais dunha xornada de limpeza, a convocatoria tamén será unha boa ocasión para percorrer un dos espazos máis fermosos de San Sadurniño. De feito, a intención da área municipal de Medio Ambiente é peitear a ribeira dos sendeiros polos que diariamente pasan ducias de persoas.

Para participar nesta X Limpeza simultánea “Móllate polos ríos” é necesario apuntarse antes chamando ao 981 490 027 ou pasando polas oficinas municipais.

En 2016 ADEGA logrou xuntar na iniciativa a 762 persoas voluntarias que limparon 48 tramos de río repartidos por toda Galicia. Nunha soa mañá retiráronse deles case 13 toneladas de refugallos de todo tipo. A organización ambiental contará este ano coa colaboración dunha vintena de concellos e a participación confirmada de 45 colectivos sociais, xunto coa implicación de Augas de Galicia,  da Confederación hidrográfica Miño-Sil e a do Instituto de Estudos do Territorio.

Share.