San Sadurniño será socio fundador dun novo Grupo de Acción Local para xestionar o Leader 2014-2020

0

A corporación municipal está convocada para un pleno extraordinario que se celebrará este luns a partir das 19.30h. cun único punto na orde do día: que o Concello se sume como socio fundador á entidade que xestionará o programa Leader na comarca ata o ano 2020. Cómpre lembrar que o novo período de investimentos europeos destinados ao desenvolvemento rural trouxo aparellada en Galicia unha redistribución do ámbito territorial, de maneira que en todo o país só haberá 24 grupos. Así, os municipios que antes integraban o ámbito de acción de Euroeume e os participantes en Costa Noroeste pasarán agora formar parte dunha única área e de aí que sexa necesario constituír un novo organismo xestor.

O novo período de aplicación dos fondos europeos do FEADER a través do programa Leader 2014-2020 consignou para Galicia un total de 84 millóns de euros, fronte aos 149 millóns do periodo que está a piques de rematar (2007-2013). Unha redución de 65 millóns de euros que, ademais, virá acompañada dunha reestruturación do ámbito de actuación. O novo mapa de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) deseñado polo AGADER pasa de 31 a 24 territorios ampliando o número de municipios integrados en cada un deles.

Na nosa comarca ata agora foron Costa Noroeste (Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira e Valdoviño) e Euroeume (Cabanas, A Capela, Monfero, Moeche, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Vilarmaior) quen encabezaron a xestión das axudas europeas ao desenvolvemento rural en cadanseu territorio.

Agora todos estes concellos -e o de Miño- formarán parte dun único GDR (GDR 24) e toca definir como se vai organizar a xestión dun programa que achegará preto de 4 millóns de euros para a promoción de proxectos dun territorio con arredor de 150.000 habitantes fóra das zonas urbanas. O primeiro paso que cómpre dar é crear un organismo con entidade propia -do que participarán tanto os municipios como outras entidades do territorio- e elaborar un diagnóstico territorial acompañado dun plan estratéxico axustado á filosofía do Leader.

As directivas de Euroeume e Costa Noroeste mantiveron varias xuntanzas desde o ano pasado para ver de que maneira se poderían fusionar ambas entidades para sacar adiante o novo periodo de axudas. Porén, a propia dinámica deste tipo de programas europeos -que obrigan a manter ambos organismos ata 5 anos despois de pecharse a anterior convocatoria do Leader- fai inviable esta solución e obriga a crear unha nova entidade. A unión de San Sadurniño a ela será o punto que se levará ao pleno extraordinario convocado para este luns ás 19.30h., xunto coa delegación no alcalde como representante municipal en todo o proceso.

– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0387_gl.html#sthash.QcUme5AP.dpuf

Share.