San Sadurniño seguirá sendo “zona tampón” para as plantacións de pataca

0

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a modificación do alcance territorial do plan de contención da couza guatemalteca da pataca que, como principal novidade, inclúe a parroquia modestina de San Xurxo como zona de corentena onde non se poderá plantar nin este ano nin o que vén. Ademais, todo o noso concello seguirá tendo a consideración de zona tampón, de modo que por segundo ano consecutivo está autorizada a sementeira, aínda que con obriga de declarar antes do 1 de abril a variedade utilizada, a superficie plantada e a súa localización. Este trámite pode facerse a través da Sede da Xunta coa Clave 365 ou certificado dixital, ou ben presentar o documento en papel tanto no Concello como na Oficina Agraria Comarcal de Ferrol (Praza de España).

Ser zona tampón implica que todas as persoas que planten pataca deberán comunicarlle a Medio Rural inmediatamente despois da sementeira -e sempre antes do 1 de abril- todas as parcelas que teñan cultivadas, aínda que sexa só un simple rego. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e, sobre todo, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.

formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandarllo directamente a Medio Rural. No Concello haberá formularios en papel para cubrir á man e, de haber algunha persoa que o precise, tamén se lle axudará co trámite.

A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas do municipio que vendan pataca de semente (acceso ao formulario) ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona específica para a captura da Tecia solanivora povolny.

A través da resolución da Dirección xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias publicada hoxe no DOG tamén se informa de que neste momento só hai cinco zonas en toda Galicia con prohibición de plantar: a parroquia de San Xurxo, en Moeche; as parroquias de Chamín e Sorrizo en Arteixo; A Pedra, en Cariño; Santa María de Trabada, en Trabada (Lugo); e todo o concello de Burela, tamén en Lugo.

Como zonas tampón preto de nós -onde se pode plantar con control oficial- mantéñense a totalidade dos concellos de  Narón, Valdoviño, Cerdido e Cedeira; as parroquias modestinas de Santa Cruz, Labacengos, Abade e San Xoán; a parroquia de Santiago Seré das Somozas; e, por último, as parroquias cariñesas de Cariño, Feás, Landoi e Sismundi.

Share.