O 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, unha xornada marcada por manifestacións, actividades culturais e eventos en todo o mundo que reivindican a igualdade, a dignidade e o respecto para a comunidade LGTBIQ+, lembrando a histórica loita iniciada cos disturbios de Stonewall en 1969 e subliñando a importancia de continuar avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva e diversa, nomeadamente no contexto actual en que se multiplican por todo o mundo os discursos intolerantes e homófobos, moitas veces desde as institucións. A Área de Igualdade de San Sadurniño ten en marcha unha programación co gallo do 28X con propostas para este venres e sábado coas que celebrar as diversidades sexuais e afectivas e, sobre todo, reivindicar a a plenitude de dereitos de quen é libre de sentirse e amar como queira.
A Asociación Brío volve colaborar nos actos co gallo do 28X para reivindicar tódolos xeitos diversos que existen de ser e sentir. Desta vez organizan na mañá deste venres -11:00h- dous obradoiros simultáneos, un para a rapazada a partir de 3 anos e outro para nenas e nenos dos 8 anos en diante e para as que xa está entrando na adolescencia.
No primeiro, titulado “Abrindo a fiestra á Diversidade” as pequechas e pequechos realizarán os seus propios adhesivos de debuxos con temática relacionada cos dereitos LGTBIQ+ para poder decorar fiestras, neveiras e calquera outro espazo da casa.
A cativería de máis idade participará no obradoiro “Camiñando cara á Diversidade” no que se pintarán unhas baldosas para facer un carreiro de cor entre a Árbore da Diversidade -un dos grandes magnolios dos xardíns municipais- e o sendeiro que ten ao seu carón. A actividade, prevista inicialmente nos xardíns do pazo, desenvolverase finalmente no local social de Lamas e fixarase unha data posterior para a colocación das baldosas, que precisan un tempo de secado.
As inscricións nestas actividades poden facerse ata primeiras horas deste venres a través do 695 876 178 ou do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal, aínda que cómpre ter en conta que as prazas son limitadas.
Falando “sen cancelas” coa asociación Mestas Cedeira
As propostas con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+ proseguirán no serán do sábado coa estrea dun novo capítulo do videopodcast de Igualdade “Falando sen cancelas”, que nesta ocasión parolará con Lucía Vázquez Pérez, cofundadora da asociación Mestas Cedeira. O colectivo, de recente creación, busca visibilizar, loitar pola igualdade de dereitos e contar cun espazo compartido de entendemento, apoio e acompañamento.
A activista comentará coa técnica de Igualdade, Oriana López Castiñeira, as distintas liñas de traballo de Mestas Cedeira, pero tamén as dificultades que atopan e o rexeitamento social co que baten todos os días as persoas que viven, senten e aman fóra do concepto binario tradicional home/muller, especialmente no contexto actual de repunte dos discursos de odio e homofobia.
Vázquez Pérez e López Castiñeira tamén abordarán como se vive a diversidade en pequenas vilas -como é o caso de Cedeira- ou contornos rurais, como pode ser San Sadurniño, que non son moi distintas das cidades en canto á aceptación social, aínda que si carecen “dos recursos e redes organizadas que che poden axudar a verte e recoñecerte con outras persoas”.
Vázquez Pérez apuntou durante a entrevista gravada hai uns días que a Asociación Mestas Cedeira tenta cubrir ese oco, arroupando e “estando aí, que moitas veces é o único que fai falta”. A asociación tenta chegar a todos os grupos da poboación levando a cabo campañas informativas e actividades lúdicas para a rapazada, a mocidade e o público en xeral.
“Estamos abertas a calquera persoa, canto máis vulto fagamos, mellor. Buscamos a interseccionalidade de diferentes idades, diferentes realidades, diferentes identidades, ao final é o que fai que isto funcione “, asegurou a cofundadora de Mestas Cedeira, engadindo que a entidade tamén está aberta á colaboración con outras asociacións e administracións, tanto de Cedeira como doutros concellos da comarca.
A entrevista con Lucía Vázquez Pérez é resultado dun cuestionario preparado pola Axente de Igualdade e a rapazada do CPI de San Sadurniño. A conversa poderá verse na canle municipal en Youtube a partir das 20:00h deste sábado e irá seguida nos próximos días de varios reels en Facebook e Instagram cos principais temas da conversa.