San Sadurniño repite éxito en Vilas en Flor con tres Flores de Honra

0

O alcalde, Secundino García, e as responsables de Axenda 2030, Raquel Piñeiro, e de Desenvolvemento local, Manolo Varela, regresan arestora da localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño tras participaren no acto de entrega dos galardóns de Vilas en Flor. Un certame que premia coas denominadas “Flores de Honra” aquelas actuacións conducentes á mellora paisaxística e ambiental dos municipios, como parte fundamental da mellora da calidade de vida da súa veciñanza. Na quinta vez en que participa, San Sadurniño trae para a casa, unha vez máis, tres desas Flores de Honra. A distinción volve recoñecer o noso concello como un dos máis destacados de Galicia en canto a políticas e compromisos coa sostenibilidade. 

A candidatura presentada este ano polo Concello recollía unha trintena de referencias, entre as que destacan políticas e recursos xa coñecidos -o arboreto, a horta de conservación, a área de autocaravanas, o paseo fluvial, os programas formativos, a pertenza ao xeoparque, o proxecto A Fusquenlla, etc.- aos que recentemente se lle engadiron novos argumentos, como o programa de educación ambiental Terra de Vida, a integración de San Sadurniño na Rede de Municipios pola Agroecoloxía ou incluso a obtención da Bandeira Verde de Galicia, como recoñecemento de moitas das accións coas que tamén se aliña Vilas en Flor.

Aspectos que o xurado do concurso -integrado por paisaxistas e profesionais da arquitectura e o urbanismo- “valorou moi positivamente outorgándonos, un ano máis, tres Flores de Honra”, comenta o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela. “Vilas en Flor é un certame moi esixente no que este ano participamos 42 concellos de Galicia. Gustaríanos ter chegado ás catro flores, pero o feito de manter as tres considerámolo todo un logro e unha satisfacción. Ademais é un plus de motivación para esforzarnos máis na próxima edición”.

Na mesma liña tamén se pronunciou a responsable municipal de Axenda 2030, Raquel Piñeiro, engadindo  que os galardóns “son un recoñecemento da nosa aposta por un Concello verde en todos os sentidos, tamén no seu compromiso coa sostenibilidade ambiental e social”.

Secundino García, encargado de recoller o título acreditativo esta mañá en Salvaterra de Miño, precisou tralo acto que as Flores de Honra son o premio a un proxecto de concello “iniciado hai case vinte anos” que, segundo o rexedor local “está dando os seus froitos e queremos que siga dándoos no futuro, apostando polas infraestruturas verdes e por maneiras de facer as cousas no día a día máis respectuosas co ambiente e máis eficientes”.

Vilas en Flor é un movemento de ámbito internacional que en Galicia está xestionado pola Fundación Juana de Vega en colaboración con ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste) e AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería), entidades que comparten o obxectivo de promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios do país de menos de 40.000 habitantes, contribuíndo con iso a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza xunto coa  imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas.

Ademais, Vilas en Flor tamén pretende fomentar a formación, a reflexión e o debate arredor da xestión sostible das vilas e cidades, na liña de que xardíns, parques e demais lugares da denominada “infraestrutura verde” sexan punto de encontro e de relacións sociais interxeracionais.

O certame contou este ano con 42 municipios participantes das catro provincias galegas. No top de Flores de Honra -poden conseguirse entre 1 e 5- situáronse os concellos de Allariz, Tomiño, Chantada,  Carballo e Salceda de Caselas que obtiveron catro distintivos. San Sadurniño mantense por cuarto ano consecutivo no tamén selecto clube das tres flores canda outros nove municipios.

Vilas en Flor está patrocinada pola Consellaría de Medio Ambiente e as firmas comerciais Husqvarna, Rain Bird e Makita.

 

Share.