San Sadurniño recupera as festas de Santa Isabel tras varios anos sen se celebrar

0

Estamos ás portas dunha fin de semana bastante intensa en canto a programación, presidida este sábado polas actividades con motivo do Día do Orgullo e a homenaxe a Ramón Díaz Raña, mentres que o domingo a actualidade estará centrada no deporte das dúas rodas coa III BTT Concello de San Sadurniño. Porén, de cara ao arranque de xullo, o martes e o mércores da semana que entra, a capital municipal tamén estará en festas coa celebración de Santa Isabel tras catro anos de seca trouleira. A volta promete atraer unha chea de público, sobre todo na verbena do martes en que actuará a París de Noia. Tanto esta atracción musical como a propia festa suporán algunhas modificacións na circulación.

A primeira desas modificacións producirase xa na tarde deste venres, momento no que se cortará ao tráfico a rúa que comunica o Centro de Saúde co pavillón municipal -a nova rúa do cemiterio-, por causa da montaxe dos entretementos da festa.

O paso estará cortado á altura da oliveira, de maneira que poderán seguir empregándose as dúas zonas de aparcamento dispoñibles. Ademais, as persoas usuarias deben saber que a rúa recuperará durante estes días os dous sentidos de circulación, permitíndose non só a entrada, senón tamén a saída cara a Marqués de Figueroa por diante do Centro de Saúde e da Casa da Cultura. Para facilitar o paso de vehículos quedará prohibido estacionar nese tramo.

Estas restricións e mudanzas manteranse polo menos ata a mañá do xoves. E non serán as únicas, xa que a actuación da orquestra París de Noia tamén obrigará a facer cambios que garantan unha boa fluidez do tráfico. Neste sentido, desde as 20:00h do martes 2 de xullo e ata o remate da verbena desa noite, en toda a Avenida Marqués de Figueroa só se poderá circular en sentido subida.

Así, quen queira saír do centro urbano cara á AC-862 deberá tomar, como vías alternativas, a da Agra de Abaixo que dá á estrada de Pedroso e á de Santa Mariña, a do Enxerto, a dos Currás ou a vía provincial que conecta en Riboira coa estrada de Ortigueira.

Facendo Marqués de Figueroa dun único sentido na noite do martes búscase, por unha banda, evitar atascos antes e despois da actuación da orquestra, que adoita atraer centos de fans. Por outra tamén se pretende asegurar unha boa fluidez da circulación que, de ser necesario, facilite a entrada e saída de vehículos de emerxencias.

Ante a grande afluencia de público que se agarda, a comisión de festas contará coa colaboración de Protección Civil para a regulación do tráfico e, ademais, habilitará un grande estacionamento diante do edificio Villa de la tranquilidad. Se este espazo non fose suficiente tamén se empregará o campo aledaño ao Centro de Día (o mesmo que se utiliza nas grandes feiras municipais).

Dous días de troula, un deles festivo local
San Sadurniño recupera neste 2024 as súas festas patronais despois de varios anos sen celebrarse. O martes 2 de xullo, declarado festivo de ámbito local, teremos misa e procesión ás 13:00h, seguida de sesión vermú co Grupo Jaque. Pola noite, a partir das 23:00h, verbena con Jaque e coa París de Noia.

O mércores 3 repítese o esquema de misa e procesión ás 13:00h, sesión vermú posterior e verbena nocturna. A cita de mediodía estará animada polo Grupo Pasión, quen repetirá pola noite acompañando á orquestra New York.

Sin título-1

Share.