San Sadurniño padeceu, igual que o resto do Estado, o apagón que se produciu ao mediodía de onte. Unha interrupción da subministración eléctrica xeralizada da que aínda non sabemos as causas e da que o país foi recuperándose paulatinamente a medida que foron pasando as horas. De feito, no noso municipio houbo zonas ás que a luz volveu a iso das dez da noite, mentres que en outras houbo que agardar ata cerca das cinco da mañá. Temos quedado ás escuras outras veces e durante máis tempo -non hai máis que lembrar o caso do Klaus-, pero nesta ocasión os tempos son outros e nunha sociedade hiperconectada o que máis se notou foi a falta de internet e de comunicacións móbiles, que aínda agora non están totalmente restablecidas. Unha circunstancia que, unida aos bulos que circularon inicialmente, creou certa intranquilidade e moita confusión entre a veciñanza. Tampouco axudou, segundo denuncia o alcalde, “a deixadez de funcións e a falla de información por parte da Xunta de Galicia”, que deixou sen escola e sen transporte ao alumnado do CPI e tamén ás persoas usuarias do Centro de Día, este último aberto para emerxencias e conciliación.
En San Sadurniño o apagón notouse nos servizos administrativos do Concello, que tiveron que interromper o seu traballo pola falta de luz e, en consecuencia, tamén a tramitación de moitos expedientes que hoxe son electrónicos case na súa totalidade. De feito, a pesar de recuperar o abastecemento e de estar funcionando con normalidade desde primeira hora da mañá, no consistorio houbo xestións que non se puideron facer por estar vinculadas cos servidores da Xunta de Galicia que a media mañá aínda non recuperaran a súa operatividade.
O apagón tamén tivo como consecuencia a interrupción da subministración de auga na zona dos Currás e do Cochón, que dependen dun sistema de bombeo, mentres que no resto de zonas o abastecemento público funcionou con normalidade. Tamén está funcionando case ao cento por cento a Escola Infantil Municipal A Rolada. “Onte a Xunta anunciou o que non ía haber escola nos centros educativos nin nas escolas infantís. Nós, decidimos que, non habendo ningún impedimento, a nosa ía abrir. Non podemos deixar ás nais e pais sen unha solución de conciliación porque non haxa luz. O servizo non é igual, posto que non haberá servizo de comedor, pero temos que prestalo igual se podemos”, explicou o alcalde.
Secundino García Casal denuncia a “falta de información” por parte do Goberno da Xunta de Galicia “que debería estar do lado dos concellos para orientar e darnos instrucións pertinentes sobre como proceder desde o momento en que se soubo que a cousa era xeralizada e que ía para tempo”. García Casal asegura que “non houbo ningún contacto por parte da Delegada Territorial nin por parte de ningún servizo autonómico e, de feito, o aviso do 112 chegounos cando se restableceu a luz e as comunicacións, xa de madrugada. O Whatsapp funcionou varias horas, e sen internet nin televisión, a Xunta puido ter utilizado a Radio Galega como o servizo público que é, posto que había moitas persoas agardando noticias pola radio do coche ou da casa”.
O rexedor local critica, ademais, a “deixadez de funcións” e o “seguidismo” dun Executivo Galego “ao servizo dos ditames chegados desde o PP en Madrid, que se limitaron a botar o balón enriba do lousado do Estado”, dixo o rexedor en alusión a que a Xunta solicitou pola noite o paso a Nivel 3 de emerxencias para que fose o Goberno central quen asumise a xestión da situación.
“Ao parecer, a Xunta mandou instrucións aos centros educativos e centros de día indicando que non ían prestarse servizos nin tampouco ía haber transporte. Pero despois o Estado, con moito criterio creo eu, dixo que por conciliación si debían funcionar. E de aí veu todo o follón que houbo esta mañá, con familias e persoal que non sabían que facer. Un despropósito que nos debe facer reflexionar sobre a necesidade de protocolos e medios de comunicación alternativos e fiables ante emerxencias así, que poden repetirse en calquera momento”, pedíu o rexedor.
Á marxe destas incidencias, o corte xeralizado da luz provocou en San Sadurniño que moitos establecementos optasen por pechar. Foi o caso, por exemplo, do supermercado da Cooperativa de Meirás e de algúns bares, mentres que outros negocios botaron man de grupos electróxenos, grandes e pequenos, para seguir coa actividade ou rematar polo menos as tarefas en marcha.
Un deses negocios que funcionou con certa normalidade foi a gasolineira de Cornide, unha das poucas da zona onde se podía repostar e pagar con tarxeta. Durante a tarde mesmo se formaron pequenas caravanas para encher o depósito ou para cargar garrafas coas que alimentar xeradores domésticos e outra maquinaria. “Teño un grupo pequeno, e faima falla para que me traballe a bomba da auga”, comentaba un veciño de Naraío que levaba varios litros de gasolina.
Porén, canda el tamén había quen aprovisionaba para varios días enchendo grandes bidóns, quizais por medo a un desabastecemento xeralizado… que moitas veces se produce, precisamente, por facer acopios irracionais de bens básicos, como é o combustible.
A iso contribuíron os bulos que saltaron no primeiro momento: que fora un ataque informático, un accidente de aviación contra unha central francesa, que media Europa quedara sen luz, e outras cousas que, andando o tempo, foi sabéndose que eran falsas, desmentidas a través principalmente da radio, auténtica raíña informativa da tarde noite de onte. Neste sentido, o ocorrido déixanos varias ensinanzas que deberiamos aprender e ter interiorizadas por se volve pasar:
- Non atender a informaciós de dubidosa procedencia, que sementan aínda máis confusión. Acudir sempre ás canles de comunicación oficiais -webs institucionais, redes sociais verificadas de organismos públicos- e aos medios coñecidos e reputados (RTVE, TVG, RNE, RAG, xornais, etc.)
- En casos coma o de onte, non chamar ao 112 a menos que sexa estritamente necesario. Tampouco chamar ás empresas subministradoras, xa que o restablecemento do servizo depende de Red Eléctrica Española, encargada dunha reactivación paulatina e segura do abastecemento (non se podía facer de golpe)
- En crises así, caracterizadas pola falla de subministro eléctrico, o móbil debe usarse con responsabilidade para non sobrecargar as centraliña.
- Se volve haber un apagón xeral, débense limitar os desprazamentos por estrada, especialmente en tramos regulados por semáforos.
- Nunca hai que deixarse levar polo alarmismo e o medo irracional. Temos quedado sen luz noutras ocasións (lembrade o Klaus) e neste caso foron pouco máis de quince horas e nalgúns lugares o corte non chegou a dez horas.
- E o último: se se vai a luz e vén unha noite clara coma o de onte, aproveitade para mirar arriba e gozar da vista tan espectacular que ofreceu o firmamento, tapado habitualmente pola contaminación lumínica. Vale moito a pena.