San Sadurniño pecha unha intensa fin de semana protagonizada pola cultura e o deporte

0

Aínda non entramos de cheo nas festas do Nadal e xa pechamos unha fin de semana cargada de propostas culturais e deportivas que continuarán nos próximos días. Na tarde do sábado Magín Blanco encheu a Casa da Cultura con “A Nena e o Grilo nun barquiño” mentres que en Igrexafeita acababan de facer riquísimo turrón caseiro, o domingo pola mañá tivemos un mercado soleado e ben fresco por causa do vento e pola tarde o pavillón municipal tamén se encheu de deporte en feminino nunha gala solidaria que se abriu cun berro silencioso contra a violencia de xénero. E para os días que veñen hai máis eventos: a entrega dos premios do concurso de relatos convocado entre a comunidade escolar co gallo do 25 de novembro e unha festa de Nadal que obrigará ao Apalpador a andar lixeiro para estar o venres case ao mesmo tempo en San Sadurniño e en Naraío.

Por onde pasan a Nena e mailo Grilo sempre hai cheo total. E San Sadurniño non foi menos. Ata tal punto chega a afección familiar por este espectáculo musical de Magín Blanco -interpretado por Montse Piñón e Pepablo Patinho- que as entradas se esgotaron dous días antes da representación. Mesmo houbo xente que se achegou o sábado á Casa da Cultura para ver se había algunha baixa entre as reservas.

A Nena e o Grilo nunca defraudan. As súas aventuras percorrendo mundos fantásticos cheos de maxia, dragóns, castelos, papaventos, cancións e sorpresas brillantes engaiolaron ao público infantil e tamén aos papás e mamás nunha tarde de sábado en que, ademais, tamén se pechaban por este ano os obradoiros de Tempos para compartir. Foi no local social de Igrexafeita, onde unha vintena de persoas aprenderon as receitas e o proceso para elaborar turrón na casa. Turrón de améndoas, turrón de chocolate, turrón con abelás, turrón de chocolate con arroz inchado co que facerlle competencia ao de Suchard… tantos turróns como imaxinación se lle bote á preparación.

Así pechou un sábado en que o torreón do Concello e maila praza do convento do Rosario estreaban un alumeado acorde con estas datas.

E ao día seguinte, dúas citas. Pola mañá os xardíns municipais acolleron un mercado local no que participaron case 40 postos nun itinerario de eventos similares que arrancaba en Ferrol, pasaba por Narón, por Sedes e remataba en Moeche. Un percorrido que moita xente fixo para encher o día e que, no caso de San Sadurniño, ofrecía pranta, produtos frescos e elaborados, artesanía e oportunidades de segunda man. Tiveron boa saída os curados da matanza, o pan e as cebolas, aínda que tamén houbo quen marchou para a casa con algunha curiosidade ou con manufacturas coas que agasallar pola Noiteboa ou por Reis.

O mercado gozou dun sol que, porén, non deu caldeado o ambiente que o Nordés se ocupaba de arrefriar aos poucos. Un sitio onde se notou a brisa cortante foi no patio interior do Concello. Alí o aire fresco encanado desde o portón principal obrigou a botar man do abrigo para asistir ao recital das corais de Lamas e San Sadurniño. Repasaron pezas do repertorio tradicional galego e varias panxoliñas como mostra da súa calidade vocal.

Deporte en feminino e solidario
Á tarde a actividade trasladouse ao pavillón municipal para participar na Xornada de deporte feminino. Máis dun cento de deportistas -a maioría pertencentes ao Club Brío- reuníronse nun evento solidario que xuntou preto dun cento de quilos de alimentos non perecedoiros para distribuílos entre as familias con menos recursos do municipio.

A xornada tiña tamén como obxectivo reivindicar a igualdade da muller na práctica deportiva nunha fin de semana que foi de loito por causa da violencia machista. De feito, o evento arrancou cun minuto de silencio en memoria de Elena Mihaela Marcus e Ana María Enjamio, as dúas mulleres asasinadas en Santiago e Vigo respectivamente.

A gala solidaria comezou coas actuacións da rapazada do Club Brío que lle darían paso despois a dúas exhibicións, unha das escolas de ximnasia de mantemento para persoas maiores e outra do grupo de ioga que asiste a clases na Casa da Cultura. Despois deles volveu actuar Brío e, para pechar a tarde, as xuvenís do Aldebarán de volei recibiron ao Narón Volea contra quen, por certo, nada puideron facer malia darlles guerra durante todo o partido.

O venres chega o Apalpador
Nos días previos á Noiteboa e o Nadal, San Sadurniño recibirá a visita do Apalpador, o carboeiro que baixa todos os anos das montañas do Courel para deixarlles unha presada de castañas aos nenos e nenas dos vales. O Apalpador achegarase á Casa da Cultura no marco da festa infantil programada para a tarde do venres 23 de decembro, na que a rapazada gozará de música e xogos a partir das 17.00h. A actividade é gratuíta pero será necesario cubrir unha ficha á entrada e deixar os nenos e nenas co monitorado da actividade.

O carboeiro vai andar co tempo xustiño, xa que o venres pola tarde tamén estará en Naraío. A Asociación Veciñal O Castelo  reedita o o seu exitoso obradoiro de cantos de Nadal no que xente maior e xente miúda aprenden varias panxoliñas tradicionais que durante a tarde se arreglan con outros instrumentos para cantalas á noite. Empezarán a iso das 18.00h. e sobre as 19.30h. chegará o Apalpador. Despois haberá unha chocolatada acompañada de bica como preludio dunha grande foliada de Nadal aberta tanto a quen participase nos obradoiros musicais da tarde como a calquera persoa que queira sumarse a unha festa na que, ademais, tamén se fará o Ritual do Tizón. Para esta actividade non é necesaria inscrición previa.

Antes desta cita máxica, o mércores 21 a partir das 12.30h., na Casa da Cultura entregaranse os premios do concurso de relatos 25 de novembro organizado polo Concello e o CPI entre a comunidade escolar. Os textos ganadores están expostos desde hai uns días no recibidor do centro cultural.

Lembramos que as imaxes das actividades municipais do Nadal están todas subidas no Facebook do Concello e iranse actualizando coas instantáneas dos eventos dos próximos días.

Share.