O Concello de San Sadurniño pechou hai uns intres unha intensa xornada dedicada ao ciclismo e ás carreiras extremas, organizada en colaboración co club Biela e Chaveta baixo o título “Entre corredoiras, toxos e xestas”. Unha denominación xenérica que acubillou a quinta edición da BTT, o terceiro Trail e unha andaina xeolóxica e ambiental que, en conxunto, reuniron a preto de 300 persoas. A mañá zafouse do sol grazas ao ceo toldado que, porén, non evitou un recalmón pegañento que puxo a proba a resistencia das persoas participantes. Desde o Concello destácase que a cita transcorrese sen máis incidencia que algunha rabuñadura sen importancia e un pequeno equívoco pola desaparición dun sinal indicador. Un éxito, en resume, que ratifica a BTT e o Trail como probas consolidadas no calendario anual e que confirma o bo facer organizativo de Biela e Chaveta.
Antes da saída da BTT, o Concello fixo entrega duns trofeos a participantes e clubs. No caso do III Trail recibiron cadanseu recordo Julia Leira Vivero e Juan Rodríguez Callejón como deportistas de maior idade. Tamén foron distinguidas as dúas persoas máis novas da modalidade, Hugo Alonso López e Rosario Martínez Albaladejo.
Na BTT, o Club Ciclista Narón recibiu dous trofeos, un por ser a entidade que contribuiu á proba con máis ciclistas e outro por ser a que achegou maior presenza feminina. Pola súa banda, o Club Cova da Serpe, de Guitiriz, levou un pequeno detalle por ser o chegado desde máis lonxe. No apartado individual, os trofeos para as persoas participantes de maior idade foron para David Corral Valladares e para as irmás xemelgas Fátima e María Paz Gago, mentres que Lucía Piñón Pereira e Diego Painceiras Pérez recibiron tamén un recordo por ser as máis novas.
Os percorridos ciclistas, que se iniciaron pouco despois das 08:30h volveron destacar pola combinación de pistas forestais, camiños tradicionais e tramos técnicos que permitiron descubrir algúns dos recunchos máis fermosos do municipio. Pola súa banda, o Trail discorreu por un trazado coincidente, pero de menor distancia, ofrecendo ás corredoras e corredores unha proposta esixente pero moi atractiva. A andaina completou a oferta cun itinerario co director científico do Xeoparque Cabo Ortegal, o Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, centrado nas formacións rochosas e nos valores ambientais da fronteira sur do territorio Unesco.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, destacou a consolidación desta cita deportiva no calendario local e comarcal. “Estamos moi satisfeitos porque a xornada transcorreu sen incidencias e porque volvemos demostrar que San Sadurniño é un lugar ideal para a bici de montaña e tamén para as carreiras de resistencia. O máis importante é ver á xente desfrutando dos nosos camiños e levando unha bo recordo do concello”, sinalou.
Na mesma liña se expresou o concelleiro de Deportes, Manél Martínez Pérez, quen puxo en valor o traballo previo necesario para organizar un evento destas características. “Detrás dunha mañá como esta hai moito esforzo e coordinación. A resposta da xente e o ambiente vivido ao longo de toda a xornada son a mellor recompensa e anímannos a seguir apostando por actividades que promoven hábitos saudables e permiten dar a coñecer o noso territorio”, indicou.
Ambos responsables municipais quixeron trasladar tamén o seu agradecemento a todas as persoas voluntarias e, nomeadamente, ao Club Biela e Chaveta polo seu compromiso e implicación na organización dunha cita que medra ano tras ano.
As próximas citas deportivas relacionadas co mundo das dúas rodas xa teñen data. O 19 de xullo celebrarase a I Ruta dos Castelos, cun percorrido de 81 quilómetros, mentres que o 7 de agosto terá lugar a III Cronoescalada Sanrockeira de Naraío, que nesta edición incorpora tamén unha subida a pé. O prazo de inscrición para ambas actividades xa está aberto. Hai máis información en www.bielaechaveta.gal.