San Sadurniño homenaxeará a Xela Arias nos Xardíns municipais

0

Os Xardíns do Pazo encheranse de letras e música o domingo 16 de maio para homenaxear a Xela Arias, a quinta muller elixida pola Real Academia Galega para celebrar as Letras Galegas. Entre as 11.00 e as 14.00h. haberá distintas propostas distribuídas polo parque, como por exemplo un photocall, artesanía, a actuación de Sanjurjo, Dopico e Cardalda e das escolas municipais de gaita e pandeireta, etc. Cada actividade terá o seu espazo delimitado e o evento axustarase á normativa sanitaria en vigor nese momento. Ademais, as actuacións musicais serán co público sentado e gardando as debidas distancias. A xornada suspenderíase se viñese mal tempo, coa intención de poder recuperala máis adiante tamén ao aire libre.

Xela Arias (Sarria 1962 – Vigo 2003), escritora, poeta e mestra, contará nos xardíns co seu recuncho, onde se poderán depositar citas en galego, o título do libro máis desexado, ese poema que se aprendeu hai anos e aínda se recorda, aquela palabra galega que máis gusta… Do que se trata é de escribirlle a Xela o que se queira. Chega con traer a idea da casa, posto que o material necesario para expresala corre por conta da Concellaría de Cultura.

Cada contribución que se faga ao recuncho entrará en cinco sorteos -xogos de Trivial, axendas da autora homenaxeada e dúas láminas do artista local Carlos García- que se celebrarán ao remate da xornada, pouco antes das 14.00h.

O Concello preparou un amplo itinerario cultural relacionado coa autora e coas Letras Galegas que, ademais, se axustará á normativa preventiva da COVID-19. Así, deberase entrar polo enreixado da Casa do Concello e logo baixar aos xardíns polo lado dereito do pazo.

O primeiro que se atopará será un dispensador de xel hidroalcólico e un punto onde se tomarán os datos de contacto das persoas asistentes por se fose necesario facer seguemento dun posible gromo. Nese lugar, xusto ao pé da terraza do pazo, estará colocado o photocall e logo, seguindo os sendeiros,  haberá 58 citas  correspondentes ás 58 homenaxes que desde 1963 se veñen organizando con motivo do 17 de maio.

Ao longo dese trazado intercalaranse as voces e músicas -incluído o concerto de Sanjurjo, Dopico e Cardalda programado para as 13.00h. na pista multixogos- e, no tramo final, disporase o Recuncho de Xela Arias. A saída poderá facerse pola escaleira de toelo situada entre o Concello e o Centro Municipal de Empresas ou ben pola porta que dá directamente ao aparcadoiro.

Presentación do libro “Xela Arias. Palabra á intemperie”
O acto central das Letras Galegas celebrarase o domingo, pero un día antes, o sábado 15 a partir das 18.00h., presentarase no patio interior do Concello o libro “Xela Arias. Palabra á intemperie” escrito por Emma Pedreira e Laura Romero e publicado por Baía Edicións.

Ambas autoras estarán na presentación da obra, que non é unha biografía ao uso, senón unha aproximación á figura de Arias por medio de poemas a dúas voces, colaxes e ilustracións coas que descubrir unha das poetas máis interesantes e, se cadra, máis descoñecidas da literatura galega.

Share.