San Sadurniño ganou 28 habitantes ao longo de 2020 e os datos avanzan un novo incremento en 2021

0

Como vén sendo habitual, o INE acaba de publicar os datos de poboación por municipios actualizados a 1 de xaneiro de 2021 ou, mellor dito, os datos de poboación reais e depurados a 31 de decembro de 2020. A cifra para San Sadurniño indica un leve crecemento no número de habitantes, o primeiro nunha década, xa que se pasou dos 2.784 do ano anterior a 2.812. O de cualificar como “leve crecemento” o feito de subir 28 habitantes é porque, falando dun total de dous mil e pico, o número avulta pouco. Pero se o comparamos cunha serie histórica de baixada constante -aparellada co progresivo avellentamento da poboación- e coa realidade de sermos un concello rural, o aumento constatado polo INE é unha boa nova, excepcional incluso, que pode ser indicadora dun cambio de tendencia, propiciado en boa medida pola situación de pandemia. 

O noso concello foi un dos nove da volta que recuperou algo de pulso demográfico, xunto con Valdoviño, Ares, Moeche, Cabanas, Mugardos, Neda, A Capela e Monfero, aínda que só os dous primeiros mostran un crecemento sostido na última década. Todo apunta a que nese cambio xeral dos padróns tivo moito que ver o confinamento decretado en marzo de 2020, que propiciou migracións dentro da comarca cara aos municipios costeiros e rurais.

No noso caso houbo quen apurou a empadroarse nos primeiros días do peche -aproveitando que tiña segunda vivenda en San Sadurniño- para poder gozar do aire libre dentro dunha finca; pero tamén houbo quen, despois de semanas entre as catro paredes dun piso de Narón ou Ferrol e diante da incerteza sobre se habería ou non novos confinamentos, optou por virse para aquí alugando, comprando ou volvendo ocupar a casa familiar que quizais levaba tempo pechada.

Eses movementos migratorios favorables para nós están cuantificados desde o punto de vista estatístico. Descontadas as persoas que marcharon por distintos motivos -que tamén as houbo- o saldo migratorio reflicte que durante 2020 chegaron a San Sadurniño 57 novas veciñas e veciños: 39 procedentes doutros puntos da mesma provincia, 1 doutra parte de Galicia, 11 do resto do Estado e 6 procedentes do estranxeiro.

A cifra anterior non significa que a nosa poboación subise en 57 habitantes, senón que para obter o número definitivo hai que engadirlle tamén os nacementos e restarlle as defuncións e, unha vez feitos todos eses cálculos, obtense que a 1 de xaneiro de 2021 San Sadurniño contaba con 2.812 habitantes, 1.417 mulleres e 1.395 homes, 28 persoas máis que a 1 de xaneiro do ano anterior. Iso si, malia o dato positivo, a estatística reflicte que no arranque de 2021 eramos 287 veciñas e veciños menos que hai unha década e 577 menos que hai dúas.

Que o padrón municipal subira ao longo de 2020 -especialmente a partir de marzo- era algo sabido que o INE non fixo máis que confirmar. Agora haberá que agardar a ver o que pasa cos datos do ano pasado, os deste 2022 e os seguintes para saber se o noso aumento foi só unha cousa puntual favorecida pola situación de pandemia ou se, pola contra, se trata dun cambio na tendencia poboacional.

Os números cos que acabou 2021 -aínda pendentes de depurar e de certificar polo INE– dan un chisco de esperanza nese sentido, xa que segundo informou esta mañá a oficina municipal do Padrón, a 30 de decembro do ano que acaba de rematar en San Sadurniño había 2.866 habitantes, 1.443 mulleres e 1.423 varóns. De confirmarse a cifra a principios de 2023 -momento no que se fará oficial a poboación  que había a 1 de xaneiro de 2022 (a mesma a efectos estatísticos que a 31 de decembro de 2021)- San Sadurniño encadearía dous anos consecutivos de crecemento (82 persoas máis).

Cómpre ter en conta, porén, que unha cousa é medrar en poboación e outra moi distinta ter un saldo vexetativo positivo -que haxa máis nacementos que defuncións-, posto que ese é un dos mellores  indicadores da saúde demográfica dun territorio. E aí a noticia, por agora, non é tan boa: o último dato que figura nas táboas do Instituto Galego de Estatística sinala que entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 1 de xaneiro de 2020 se produciran 39 falecementos por tan só 8 nacementos.

Como se forma o Padrón municipal?
O Padrón municipal é un rexistro administrativo onde consta toda a veciñanza do municipio. A súa formación, mantemento, revisión e custodia correspóndelles aos respectivos Concellos, quen deben remitir ao INE as variacións mensuais que se producen nos datos dos seus padróns municipais.

O INE, en cumprimento das súas competencias, realiza as comprobacións oportunas co fin de emendar posibles erros e duplicidades e obtén para cada municipio a cifra de poboación. O Presidente do INE, co informe favorable do Consello de Empadroamento, eleva ao Goberno do Estado a proposta de cifras oficiais de poboación dos municipios  referidas ao 1 de xaneiro de cada ano, para a súa aprobación mediante real decreto, declarando así como oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal e procedendo á súa publicación no Boletín Oficial do Estado.

As series que se poden consultar na web do INE comezan no ano 1996, punto de arranque do actual sistema de xestión padronal.

Debemos empadroarnos onde vivamos habitualmente
Unha cuestión que moitas veces se pasa por alto e que se debe estar inscrito ou inscrita no Padrón do municipio onde se resida. Así o establece a Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases do Réxime Local, que dedica o seu artigo 15 a esta cuestión. Tomade nota:

Artículo 15.

1. Todo español o extranjero que viva en territorio español deberá estar empadronado en el Municipio en el que resida habitualmente.

Quien viva en varios Municipios deberá inscribirse en aquel en que habitara durante más tiempo al año.

Para poder obtener el alta en el Padrón de un Municipio será necesario presentar el certificado de baja en el Padrón del Municipio en el que se hubiera residido anteriormente.

2. Los españoles que, circunstancialmente, se hallen viviendo en un Municipio que no sea el de su residencia habitual, podrán inscribirse en él como transeúntes. En este caso no será necesario cumplimentar lo dispuesto en el tercer párrafo del número anterior.

Share.