San Sadurniño Enerxía, ese é o nome elixido para a nova entidade asociativa que se vai poñer en marcha coa finalidade de crear unha comunidade enerxética no municipio. O colectivo constituirase formalmente o próximo xoves 13 de agosto ás 20:00h na Casa da Cultura nunha asemblea aberta a todas aquelas veciñas e veciños que queiran sumarse. A asociación botará a andar como un grupo de consumo eléctrico que permita negociar en conxunto coas distribuidoras tarifas máis vantaxosas e avanzar cara a un modelo baseado na produción e no aproveitamento compartido de enerxía renovable.
A convocatoria aberta servirá para explicar o funcionamento da futura comunidade enerxética, os seus obxectivos e as vantaxes que pode ofrecer en termos de aforro económico e tamén de sostenibilidade ambiental. Durante a reunión presentarase tamén o traballo realizado nos últimos meses para analizar as posibilidades de implantación deste modelo en San Sadurniño, un proceso impulsado polo Concello co apoio técnico da consultora Permae, que está a pilotar a iniciativa.
A creación de San Sadurniño Enerxía supón un paso máis nun proxecto do que xa se informou en varias reunións celebradas desde o ano pasado. A idea é constituír unha asociación sen ánimo de lucro na que o Concello participará nas mesmas condicións que calquera outra persoa socia, de maneira que a entidade sexa un instrumento colectivo integrado pola administración local, a veciñanza, empresas e outras entidades.
Na súa primeira etapa, a asociación funcionará como un grupo de consumo eléctrico co obxectivo de sumar o maior número posible de usuarias e usuarios para tratar coas comercializadoras e distribuidoras tanto os prezos como os contratos da subministración. Esta fórmula permitiría obter mellores condicións, aproveitando a capacidade de negociación que ofrece a compra colectiva de electricidade.
A medio prazo, o proxecto pretende desenvolver unha comunidade enerxética local baseada na xeración compartida de enerxía renovable. O estudo de implantación realizado identificou 17 cubertas municipais con potencial para acoller instalacións fotovoltaicas, cunha capacidade estimada de 609 kW. O documento propón un núcleo inicial formado polo centro de empresas, a piscina municipal e as cubertas do campo de fútbol, cunha potencia conxunta de 99,3 kW e unha produción anual estimada de 96.878 kWh.
Durante o encontro deste xoves -Casa da Cultura, 20:00h- presentaranse estes datos e explicarase tamén a situación doutros proxectos complementarios, entre eles a instalación prevista no pavillón polideportivo municipal, que segue unha tramitación específica a través dunha convocatoria Leader da AGADER xestionada pola asociación Seitura 22.
A propia reunión servirá para aprobar os estatutos, constituír formalmente a asociación e abrir o proceso de adhesión de novas persoas socias. Quen desexe participar poderá inscribirse tanto presencialmente na Casa da Cultura como a través do formulario habilitado na páxina web do proxecto.
Desde o Concello destácase como “todo un fito” a constitución desta nova asociación, xa que como apunta a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López “permitirá reducir o custo da factura eléctrica, fomentar o autoconsumo compartido e impulsar un modelo enerxético máis sostible e beneficioso para o conxunto de San Sadurniño”. Piñeiro puntualiza, porén, que o Concello “entrará formar parte da entidade e tirará por ela en todo o que poida, pero as persoas que se sumen a San Sadurniño Enerxía deben ser conscientes que, igual que calquera outra asociación, as cousas funcionan se hai un certo compromiso de remar todas e todos na mesma dirección. Vai moito camiño andado, o Concello seguirá axudando a percorrelo, pero aínda falta moito por facer”.