San Sadurniño e Moeche asinan o convenio para reparar a medias a ponte do Sixto

0

A ponte do Sixto, que comunica o Carbeiral (Bardaos) con Moeche, leva case un ano cortada ao tráfico por causa dunha fenda detectada na plataforma o outono pasado. Nun primeiro momento os concellos de San Sadurniño e Moeche reuníronse con Augas de Galicia ao pé da ponte para ver no sitio o alcance do problema e procurar unha solución que cumprise o requisito de ser duradeira e, sobre todo, que puidese materializarse o antes posible. Neste sentido, ambos consistorios remitíronlle ao ente autonómico un proxecto deseñado baixo as súas recomendacións técnicas e, tras uns meses de espera, agárdase que a Xunta autorice en breve as obras, que deben contar ademais con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Mentres tanto, San Sadurniño e Moeche avanzan en paralelo na parte administrativa coa subscrición dun convenio para financiar a medias a reparación, que ascende a algo máis de 38.000 euros ive incluído, coas miras postas en poder licitar o proxecto “de inmediato”.

O alcalde, Secundino García, apuntaba esta mañá trala sinatura do convenio que o arranxo da ponte do Sixto “non pode seguir agardando”, ademais de xustificar a demora acumulada en que foi necesario “encargar e redactar un proxecto adecuado ás necesidades e á normativa autonómica ambiental e de augas”, co obxectivo de presentarlle a Augas de Galicia un documento “ao que non houbese que tocarlle nin un punto nin unha coma para evitar máis retrasos”. De feito, o documento preparouse seguindo as directrices dos técnicos do ente autonómico, que xa na súa visita de novembro se ofreceran a revisar cantos borradores do proxecto fosen necesarios e formular as precisións oportunas antes incluso de que o deseño técnico e a solicitude de autorización se rexistrasen oficialmente.

Agora estase no momento de agardar polos permisos autonómicos que, en palabras do rexedor, “non deberían tardar moito. Temos constancia de que persoal de Augas de Galicia xa inspeccionou a ponte hai unhas semanas e a cousa, por fin, parece que está encamiñada”.

De par do procedemento autonómico, o convenio de colaboración asinado a primeira hora de hoxe entre San Sadurniño e Moeche establece os termos da colaboración intermunicipal para sufragar os custes do proxecto. O compromiso é que, por tratarse dunha infraestrutura que fai de límite entre os dous municipios, o prezo dos traballos sexa asumido por ambos ao 50%. No acordo tamén se establece que da parte administrativa da licitación se encargue o Servizo de Contratación de San Sadurniño.

As obras, cifradas nun prezo de saída de 38.017,49 euros, ive incluído, contrataranse por procedemento aberto simplificadísimo utilizando como criterio de adxudicación o factor prezo, cun prazo máximo de execución de 2 meses que as empresas ofertantes poderán reducir nas súas propostas. O obxectivo é  “licitar de inmediato e acurtar os prazos todo o que se poida”, indica Secundino García insistindo, iso si, en que sen a autorización de Augas de Galicia acompañada do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural “as obras non poden comezar”.

Os traballos comprenderán a construción dunha escolleira en ambas marxes do regato que suporá darlle máis paso ao ollo da ponte e tamén unha elevación lixeiramente maior. Tamén aumentarán o ancho e mailo largo, que pasarán respectivamente de pouco máis de 2 metros a 3,50 e de 5 metros até os 6,80. A ponte sustentarase sobre unha plataforma de formigón armado que irá cuberta cunha capa aglomerada, ademais de incorporar varandas metálicas de protección.

Share.