San Sadurniño demostra que o Entroido está máis vivo ca nunca

0

Pasadas as 23:00h deuse por rematada a festa de serán organizada polo Concello para darlle o pulo que lle faltaba ao carnaval tras dous anos de pandemia. En 2020 o departamento de Cultura recuperou os desfiles entroideiros que tanta sona lle deran a San Sadurniño nos anos 80 e 90. Depois pasou o que pasou e houbo que parar. Neste 2023 a troula regresou e, segundo parece, para quedar. Así o demostra a boa participación de máscaras tanto na sesión matutina -protagonizada principalmente pola rapazada do CPI- como na de hoxe á tardiña (xa noite), nunha velada que estivo animada pola música da charanga Os Charangos, o cheiro gorentoso a liscos e a ansia por levar algúns dos premios que se entregaron.

Como mestres de cerimonias actuaron o dúo humorístico Bucanero, formado por Xose Bonome e Pedro Picos, transfigurados para a ocasión en dous irreverentes cregos. Eles foron os condutores dos concursos de disfraces, facendo subir primeiro ao escenario ás máscaras que participaban en cada categoría e deliberando logo, xunto co técnico de Cultura, a quen se lle concedían os vales canxeables nos establecementos locais.

O seu veredicto foi o seguinte:

  • Infantil individual (0 a 8 anos): dous vales de 30€ que foron para “O Ancián” e “Arlo”
  • Xuvenil individual (9 a 17 anos): sen inscricións
  • Adulta individual (18 anos en diante): dous vales de 30€ para “Deus Exipcio” e para “Mary Poppins”
  • Grupo (formado por entre 2 e 6 persoas, sen límite de idade): dous vales de 100€ para “Os Caracois” e “Bela e besta”
  • Comparsa (7 ou máis persoas) sen acompañamento musical: un vale de 200€ para “As Doras de Naraío”
  • Comparsa con acompañamento musical: un vale de 300€ para “Vide Vindo”.

Ademais destes premios, a Concellaría de Cultura tamén sorteou as dúas cestas de produto de proximidade das “Entroidadas” -a proposta de poñer espantallos na porta durante estas datas-, que lles tocaron a Pilar Rodríguez Vergara e á clase de 3A da ESO do CPI de San Sadurniño.

E o carnaval segue este sábado pola noite en Naraío no baile de máscaras que se celebrará no local social da Veiga a partir das 22:30h animado polo dúo Eva e Camilo. Durante a festa haberá varios sorteos coas rifas que se entregarán de balde con cada consumición.

A seguinte cita entroideira será o próximo 25 de febreiro, no cocido organizado pola AVV Xuntanza de Lamas. O menú servirase ás 14:00h é o propio deste tempo: sopa de cocido, cocido, doces típicos, pan, bebida e café, ao prezo de 20€ as persoas socias24€ as non socias e menores de 12 anos gratis. Hai que anotarse no 618 838 760 ou no 664 203 738. O último día para gardar sitio é o martes 21. Segundo anuncian no cartel, haberá música e, sobra dicilo, pódese ir xantar con disfrace.

Share.