San Sadurniño demanda maior financiamento autonómico para os concellos

0

O vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, achegouse esta mañá San Sadurniño na compaña da delegada territorial, Martina Aneiros, e da directora xeral de Administración local, Natalia Prieto, para visitar as obras que contan con financiamento autonómico. No transcurso do percorrido polos catro proxectos en marcha -a envolvente e a calefacción do edificio anexo ao Concello, a renovación do parque de Infantil do CPI e o novo ambigú do pavillón- Calvo destacou a contribución económica da Xunta, cifrada polo vicepresidente en 289.500 euros. Pola súa banda, Secundino García, quen agradeceu a visita do vicepresidente “que sempre é ben recibido por ser vicepresidente e por ser de San Sadurniño”, demandou maior financiamento por parte do Goberno galego de cara a manter os servizos que se lle prestan á veciñanza. 

O percorrido da comitiva da Xunta por San Sadurniño comezou no recibidor da Casa do Concello, onde agardaban membros do Goberno local e tamén representantes dos grupos municipais do PP e do PSdeG-PSOE.

Na intervención para os medios ofrecida antes de iniciar a visita, Diego Calvo quixo poñer en valor a contribución económica do seu departamento -a través da Dirección Xeral de Administración local e da Secretaría Xeral de Deporte- para levar adiante “obras importantes para o Concello e para os veciños”.

Neste sentido, Calvo referiuse aos proxectos da envolvente do centro de empresas e da escola infantil e á renovación do seu sistema de calefacción “para mellorar a eficiencia enerxética do edificio”, así como ao acondicionamento do patio de Infantil do CPI e á construción dun local de uso social no interior do pavillón municipal.

Segundo destacou o vicepresidente autonómico, as axudas da Xunta  -cuantificadas en San Sadurniño nun total de 289.500 euros- “financian máis de 600 proxectos en 260 concellos de Galicia” co obxectivo de “mellorar a vida das veciñas e veciños que viven neles”.

O alcalde de San Sadurniño sinalou, pola súa banda, que “todas as axudas que recibamos os concellos, que estamos infrafinanciados, son benvidas”. Secundino García coincidiu con Diego Calvo en que os fondos públicos son “moi necesarios” para ofrecerlle “calidade de vida” á veciñanza, aínda que tamén aproveitou a presencia do vicepresidente e dos medios de comunicación para pedir publicamente un maior compromiso económico da Xunta co municipalismo: “temos que seguir reivindicando máis fondos, porque a carestía da vida está facendo cada vez máis difícil manter os servizos”, dixo o alcalde.

 

Share.