A praza de Ramón Díaz Raña converterase este venres 16 de maio, a partir das 18:00h, en espazo para a música, o baile e a oralidade da man das escolas municipais e do artista Xisco Feijoó, quen nos achegará na véspera das Letras Galegas a súa proposta “Traede ferrallada!”. Unha iniciativa do cantante, bailador e coreógrafo que se sitúa a medio camiño dun concerto didáctico e dunha foliada na que se poderá participar activamente levando instrumentos ou calquera tipo de ferralla sonora. O serán completarase alternando as actuacións de Feijoó cos grupos de gaita e percusión, pandeireta e baile tradicional.
Coñecido pola súa versatilidade como cantante, bailador, coreógrafo e mestre, Xisco Feijoó é unha das figuras clave da escena musical galega actual. Foi profesor da Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo e coordinador da sección de canto da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu.
Desde moi novo participou en accións de recollida e posta en valor do patrimonio etnográfico galego, ademais de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos xunto a artistas de referencia como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junkera, Berrogüetto, Rodrigo Romaní ou Pepe Vaamonde. En 2021 decidiu dar o paso á creación en solitario co lanzamento de Peixe, un traballo exitoso co que achega unha visión persoal e contemporánea da tradición galega.
Tras completar a xira de “Peixe”, Feijoó empezou a mover por toda Galicia “Traede ferrallada!”, un espectáculo de pequeno formato concibido para romper barreiras entre o escenario e o público onde recupera voces, sons e instrumentos. O proxecto, que mestura o saber popular coa creación contemporánea, ten moito de concerto didáctico, pero máis aínda de foliada. De aí o seu título, que convida a levar calquera instrumento ou obxecto co que se poidan facer acompañamentos rítmicos.
Ademais, á cita tamén están convidadas as escolas municipais de pandeireta, de baile e de gaita e percusión, que irán intercalando as súas actuacións en distintos momentos do espectáculo de Feijoó. Deste xeito tamén poderemos ver un pequeno avance dos repertorios ensaiados no último ano, que se presentarán na clausura de curso programada para o venres 27 de xuño na área recreativa da piscina.
“Traede ferrallada!” comezará ás 18:00h deste venres 16 de maio, e desenvolverase na praza de Ramón Díaz Raña (se chovese, na Casa da Cultura). A actividade está encadrada na programación das Letras Galegas en San Sadurniño, que continuará o venres 23 de maio ás 10:30h co espectáculo infantil “Desde Rosalía ata as Cantareiras”, da compañía A Xanela do Maxín. Ese mesmo día, pero pola tarde (ás 18:30h), proxectarase na Casa da Cultura con entrada libre o filme O Apóstolo, dirixido por Fernando Cortizo e protagonizado polas voces de Carlos Blanco, Luis Tosar e outros grandes nomes.
Cómpre lembrar tamén que este sábado 17 de maio, o Concello de San Sadurniño sumarase á mobilización pola lingua convocada pola plataforma Queremos Galego! en Santiago de Compostela. A marcha, que partirá ás 12:00h da Alameda, concluirá cunha grande foliada no Obradoiro.