A Casa da Xuventude acolleu onte á tardiña unha reunión informativa promovida polo GDR Seitura 22 e o Concello para explicar que son as comunidades enerxéticas e como funcionan. O encontro serviu tamén para avanzar no proxecto que San Sadurniño leva preparando desde o ano pasado coa intención de crear unha destas entidades no municipio. De feito, o seguinte paso darase o xoves 16 de xullo ás 20:30 horas, tamén na Casa da Xuventude, nunha nova xuntanza aberta á veciñanza na que se ofrecerá información máis detallada e onde tamén se analizarán os estatutos da asociación que actuará como grupo motor da futura comunidade.
A reunión deste martes estivo dividida en dúas partes. Na primeira, o xerente do GDR Seitura 22, Miguel Teixido, explicou en que consiste o modelo das comunidades enerxéticas, unha fórmula que promove a produción e o consumo compartido de enerxía renovable con participación directa da cidadanía, pero tamén de empresas e de Administracións públicas.
A charla enmarcouse no proxecto RedEnerxía: Enerxía Local en Rede, impulsado para favorecer o aproveitamento sostible dos recursos enerxéticos dos territorios mediante proxectos de base social, na mesma liña que promove a Comisión europea a través do Citizen Energy Advisory Hub.
Teixido repasou o marco normativo do autoconsumo colectivo, que permite que varias persoas compartan unha mesma instalación de xeración eléctrica, e explicou que as comunidades enerxéticas poden adoptar distintas fórmulas xurídicas, como asociacións ou cooperativas, para xestionar -entre outras- a produción, o almacenamento ou mesmo a comercialización da enerxía. Aínda que a maioría dos proxectos existentes están baseados en instalacións fotovoltaicas, tamén poden desenvolverse a partir doutras fontes renovables como a eólica, a biomasa ou a minihidráulica.
Segundo expuxo, este tipo de iniciativas non só buscan reducir a factura eléctrica das persoas participantes, senón tamén favorecer a cooperación entre a veciñanza e impulsar novos proxectos relacionados coa sustentabilidade, como compras colectivas ou solucións de mobilidade.
A segunda parte da sesión estivo máis centrada na futura comunidade enerxética que se quere poñer en marcha en San Sadurniño. A concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, explicou que o Concello leva máis dun ano traballando nesta iniciativa e que o paso máis inmediato é poñer en marcha unha asociación que dinamice o proxecto.
Segundo indicou, esa entidade será a encargada de formar o grupo motor e de analizar cuestións como a dispoñibilidade de cubertas ou o dimensionamento técnico das instalacións. A intención do Concello é incorporarse á asociación como un socio máis e poñer á súa disposición espazos municipais para instalar paneis solares. Entre as primeiras localizacións que se están estudando figuran as cubertas da zona deportiva dos Currás e as do Centro Municipal de Empresas.
Piñeiro insistiu en que o proceso debe afrontarse con realismo. “Non queremos crear expectativas falsas”, advertiu, lembrando que as comunidades enerxéticas aínda son unha realidade pouco estendida en Galicia e que parte da normativa continúa en desenvolvemento. Por iso, o traballo inmediato pasa por crear un grupo promotor sólido que permita avanzar sobre unha base técnica e organizativa ben definida, á que máis adiante tamén poderían sumarse empresas do territorio.
Ese será precisamente o obxectivo da reunión convocada para o xoves 16 de xullo ás 20:30 horas na Casa da Xuventude. Nela ampliarase a información sobre a iniciativa e achegarase unha proposta de estatutos da asociación que servirá de punto de partida para a creación da comunidade enerxética local.