O Concello de San Sadurniño volve sumarse este ano á iniciativa global A Hora do Planeta, promovida por WWF como acción simbólica para concienciar e promover accións que axuden a frear o cambio climático. A adhesión municipal a este movemento implicará o apagado total da iluminación pública en varios puntos do centro urbano este sábado, 28 de marzo, entre as 20:30 e as 21:30 horas. Desde o Concello convídase á veciñanza a participar apagando luces e aparellos eléctricos durante unha hora que pode aproveitarse, entre outras moitas cousas, para mirar o firmamento ou gozar dunha escuridade que quizais xa non recordabamos.
A Hora do Planeta celebra en 2026 unha edición especial polos seus 20 anos de compromiso coa natureza e o clima. O movemento naceu para concienciar sobre o quecemento global, converténdose na maior campaña de mobilización ambiental do mundo. Baixo o lema “Apaga a luz. Defende o planeta”, búscase que os concellos, como xestores directos do territorio, dean exemplo na loita contra o cambio climático.
O apagado en San Sadurniño producirase no tendido de iluminación pública da AC-862 (Cornide-O Outeiro), á da avenida Marqués de Figueroa, á zona do Enxerto, a Agra de Arriba e a Agra de Abaixo, e Os Corrás. Tamén quedarán ás escuras a estrada de Pedroso ata Vilafiunce, e o tramo inicial da estrada de Ferreira, ademais dos xardíns municipais e o Pazo da Marquesa.
Dende a administración local convídase a toda a veciñanza a replicar este xesto na casa entre as 20:30 e as 21:30h, como maneira de mostrar, aínda que sexa de maneira simbólica, a unión social e o compromiso coa defensa do futuro do planeta.
A Hora do Planeta é unha campaña internacional que naceu en 2007 impulsada por WWF co obxectivo de chamar a atención sobre o cambio climático e a perda de biodiversidade. Desde aquela, converteuse nun dos maiores movementos ambientais do mundo, mobilizando a millóns de persoas, entidades e administracións públicas.
A iniciativa pretende facer visible a necesidade de actuar de maneira urxente fronte aos retos ambientais, incorporando en cada edición novas mensaxes e enfoques adaptados á realidade global. Neste 2026, a campaña volve poñer o foco na importancia de frear a degradación dos ecosistemas, subliñando a conexión directa entre a saúde do planeta e o benestar das persoas. A mensaxe central insiste en que aínda estamos a tempo de reverter moitos dos danos causados, sempre que se adopten medidas decididas.
Na nosa zona tamén se sumaron á Hora do Planeta os concellos de Moeche, Neda e Ferrol.
O domingo cambia a hora
A Hora do Planeta cadra na noite en que cambiamos ao horario de verán. Así, na madrugada deste domingo deberemos mover adiantar os reloxos: ás 2:00h haberá que poñelos nas 03:00h. Durmiremos, polo tanto, unha hora menos… e o corpo botará aínda uns días adaptándose ao cambio.