San Sadurniño acollerá un obradoiro dixital para mellorar a presenza nas redes sociais

0

A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá no serán do martes 11 de febreiro un evento gratuito que estará centrado en axudar ás empresas a optimizar a súa presenza nas redes sociais. Este obradoiro, impartido por Beatriz Ventosinos, xefa da consultora creativa Ahao Studio, busca destacar a importancia das plataformas dixitais como ferramentas clave para aumentar a visibilidade, atraer nova clientela e fortalecer a marca empresarial nun mercado cada vez máis competitivo. As inscricións están abertas no correo oaprural@dacoruna.gal ou no teléfono 881 045 898. A actividade está organizada pola Oficina Acelera PYME Rural da Deputación da Coruña.

O evento comezará ás 19:30 horas cunha sesión práctica dunha hora de duración, na que se explorarán ferramentas e técnicas para optimizar o alcance nas plataformas dixitais. Ao remate, entre as 20:30 e as 21:30 horas, terá lugar un aperitivo de networking para fomentar o intercambio de ideas e contactos entre as persoas participantes.

Deste xeito, o centro cultural de San Sadurniño converterase durante dúas horas nun espazo de coñecemento e innovación co que se pretende mellorar a presenza nas redes sociais das pequenas empresas e negocios, partindo sempre das súas necesidades obxectivas e dos resultados que precisen acadar.

A actividade estará conducida por Beatriz Ventosinos, responsable do estudio creativo Ahao Studio. Ventosinos traballa como asesora, creadora de contido e especialista en estratexias de posicionamento e mercadotecnia dixital, dirixindo un equipo formado por seis persoas con competencias en distintos ámbitos da comunicación dixital.

E é que, nun contexto de competencia global onde a interacción dixital é esencial para captar a atención do público, a presenza axeitada nas redes sociais é un factor decisivo para o éxito das empresas. De aí que a participación en iniciativas como este obradoiro sexa unha oportunidade única para adquirir coñecementos que permitan destacar, conectar co público obxectivo e adaptarse aos retos do mercado actual.

O evento, organizado pola Oficina Acelera PYME Rural da Deputación da Coruña, encádrase na iniciativa estatal creada para apoiar ás pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas no proceso de transformación dixital. Acelera Pyme ofrécelles recursos, asesoramento e formación para promover o uso da tecnoloxía como factor de mellora da competitividade das empresas, ademais de poñer á súa disposición unha plataforma que funciona como punto de encontro virtual e unha ampla rede de oficinas físicas para a atención personalizada.

As inscricións no encontro que terá lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño o martes 11 de febreiro a partir das 19:30h hai que facelas no correo oaprural@dacoruna.gal, chamando ao 881 045 598, ou a través desta ligazón á páxina da Oficina Acelera Pyme Rural da Deputación da Coruña.

Share.