San Sadurniño será o punto de referencia do voleibol base galego este domingo 27 de abril. E é que o pavillón municipal acollerá as finais dos Campionatos Xunta de Galicia nas categorías Alevín e Benxamín, tanto en masculino como feminino. Un total de 20 equipos de toda Galicia competirán pola mañá e pola tarde nunha intensa xornada deportiva que, ademais, cadra coa XXVIII Feira da Plantación.
Os campionatos comezarán ás 10:00h coas eliminatorias da categoría benxamín feminina. Ao xuntárense oito equipos, a federación organizou unha fase previa de grupos que enfrontará, no Grupo A, ao Calasancias co Narón Volea e ao Oleiros co Rianxo. No Grupo B xogarán un partido o Emevé e o Club Voleibol Korbis de Monforte. O outro disputarano o Zalaeta e o Ribeira Sacra.
As eliminatorias decidiranse ao longo da mañá, quedando para a tarde o partido polo 3º e 4º posto -17:00h- e a final (18:00h).
Por outra banda, en benxamín masculino a cousa será máis sinxela, con só catro equipos loitando polo título. Ás 16:00h xogará o Aldebarán contra o Korbis monfortino. A segunda semifinal decidirase entre o Narón Volea e o Emevé de Lugo. Os dous perdedores xogarán unha hora despois polo terceiro e cuarto posto e a final será ás 18:00h.
Na categoría alevín participarán oito equipos, divididos en catro femininos e catro masculinos. A competición comezará ás 12:00h coas semifinais, que enfrontarán no apartado feminino ao Liceo La Paz e ao Cambados mentres que noutra pista se disputará o encontro entre o CV Coruña (as Calasancias) e o Narón Volea.
Os alevíns masculinos tamén se medirán ás 12:00h. O equipo anfitrión, o Aldebarán, xogará contra o Emevé de Lugo ao tempo que a escuadra coruñesa das Calasancias se enfrontará co Pontevedra. Os enfrontamentos polo terceiro e cuarto posto, tanto en masculino como en feminino, están postos para as 17:00h. Ambas finais disputaranse ás 18:00h.
Estes campionatos están organizados pola Federación Galega de Voleibol, coa colaboración da Xunta, da Ufedega, da Deputación da Coruña e do Concello de San Sadurniño, co apoio técnico e loxístico do Club Deportivo Aldebarán.
A coincidencia coa Feira da Plantación e a previsión dun tempo soleado fan prever que San Sadurniño sexa un lugar con moito movemento ao longo da xornada deste domingo. “Temos feira e un evento deportivo que traerá moitas familias ao pavillón. Seguro que moitas delas aproveitarán para achegarse á Cortiña dar unha volta e tamén é moi posible que visitantes da feira suban até o pavillón para ver algún partido”, comenta Secundino García Casal.
O alcalde recorda que na zona do pavillón “hai habilitada unha grande zona de aparcamento” e que para a feira “tamén se estableceu un dispositivo de tráfico con circulación de entrada e saída nun único sentido, ademais de dous campos con capacidade suficiente para acoller o elevado número de asistentes que esperamos”.