San Pipote e o Biscordel, últimos estalos festeiros do verán

0

Encaramos os últimos días do verán -e incluso das vacacións, quen aínda teña- e con el os dous últimos estalos da traca festeira estival dos que hai cartel publicado a día de hoxe: a Santa María-San Pipote de Bardaos desta fin de semana -de xoves a sábado- e o Biscordel de Igrexafeita, que se celebrará os días 14 e 15 de setembro. Destas dúas últimas falaremos con máis detalle chegada a véspera, porque o que toca agora é centrarse na multitudinaria Santa María-San Pipote que arranca na noite deste xoves cun concerto no local social da Bañoca.

E é que, como vén sendo habitual desde hai unha chea de anos, as festas de Bardaos sempre comezan en plan tranqui no local veciñal convidando a algún grupo da comarca. Desta vez a responsabilidade de abrir o San Pipote recaerá na formación rock Badulaque, integrada por Eva Sardiña Vázquez, Xabier Fernández Martínez, Iago Castro Leiras, Bruno Grandal López e Marcos Cernadas Iglesias.

O grupo naceu no CPI A Xunqueira de San Valentín, en Fene, e chega a Bardaos despois dunha exitosa actuación no concerto das bandas emerxentes ofrecido dentro do programa das festas de Ferrol.  Ademais tamén foi un dos máis destacados no último Mocidade coa lingua.  Poderemos escoitalo -e botarlle a arrincadeira- na noite deste xoves 5 de setembro a partir das 23:30h.

O venres 6 a troula trasladarase ao campo da festa co Grupo Pasión na sesión vermú e na verbena alternando pases con Escaparate.  O sábado 7 haberá olimpiadas parroquiais pola tarde -18:00h- e, xa de madrugada, a procesión do San Pipote. A parte musical da sesión vermú será cousa da orquestra Atenas, acompañada na verbena da Panamá. Os actos relixiosos celebraranse venres e sábado ás 13:30h.

Unha semana despois, o 14 e 15 de setembro, Igrexafeita honrará á Nosa Señora do Biscordel, o sábado erguéndose cos Berros do Castro e bailando na función co Trío Antha. Pola noite, ademais de Antha, sumarase á festa a Orquestra Acordes. O domingo só haberá sesión vermú, sostida ata ben entrada a tarde polas pezas do grupo Origen. Ambos días haberá misa ás 13:30h seguida de procesión.

Share.