Reto conseguido: medio cento de persoas bailaron con Brío a “Global Muiñeira”

0

O Club Brío reuniu este domingo pola tarde nos xardíns municipais a máis de 50 persoas co obxectivo de bailar a muiñeira global proposta por Gadis a través da súa campaña Vivamos como galegos. A idea era ben simple e ben complexa ao mesmo tempo. Había que preparar e gravar unha coreografía con cinco pasos sinxelos xuntando para bailala o maior número posible de xente. O Club asumiu o reto a mediados do Nadal e, a base de ensaios e esforzo, logrou facelo realidade nun tempo récord. O vídeo gravouse e editouse na tarde deste domingo e xa circula polas redes desde onte á noite. A escasas horas de publicarse pasa xa das 2.000 reproducións en Facebook, abeira as 100 compartidas e a publicación chegou a 6.000 persoas. E as cifras seguen subindo.

A idea de Brío de sumarse á campaña da “Global Muiñeira” naceu como unha maneira de promocionar o territorio e, principalmente, o baile tradicional. De feito, o club está tentando crear un grupo estable desta disciplina e todo a punta a que, tras esta experiencia, a cousa lles sexa máis doada.

Para a gravación do flash mob deste domingo pola tarde reuníronse case un cento de persoas de distintas idades, aínda que quen bailaron diante da cámara foron un total de 52. Cara ás 16.00h. a zona de xogos dos xardíns municipais era un fervedoiro de xente ensaiando os pasos -mesmo houbo quen os aprendeu no momento- xusto antes de facer a gravación.

Ao chamamento do club acudiron nais e pais das nenas e nenos que participan nas súas escolas, pero tamén mozas do grupos de danza, xente do volei e do MTB Biela e Chaveta e persoas que se uniron á iniciativa despois de ver a convocatoria nas redes sociais.

Brío elixiu o emprazamento dos xardíns pola dispoñibilidade de espazo e tamén por tratarse dun contorno que podía quedar ben na realización. Foi necesario gravar a peza seis veces. E non porque houbese equivocacións, senón para ter material suficiente e desde distintos puntos de vista co que logo poder facer unha montaxe tan dinámica como a propia música.

A gravación efectuouse en tempo récord e a iso das 18.00h. estaba rematada. En tempo récord tamén se fixo a edición da peza, publicada pouco antes da medianoite e de que se cumprise o prazo dado por Gadis na súa web, onde se marcaba o 15 de xaneiro como data de finalización da campaña.

A empresa de distribución alimentaria felicitou a Brío  través de Facebook e Twitter polo vídeo e polo seu traballo “teimudo” das últimas semanas. Entre hoxe e mañá a peza subirase á canle de youtube de Vivamos como Galegos, onde compartirá espazo con outros flashmobs como o gravado no Centro Gallego de México, o filmado no faro do Cabo Ortegal ou o publicado tamén hoxe pola Asociación Folclórica e Cultural Airiños dos Carrís de Cerdido.

Share.