Remata a construción dunha nova senda peonil en Bardaos

0

A empresa José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. completou nestes días as obras de mellora do tramo A Torre-A Sanguiñeira, en Bardaos, que consistiron no aglomerado e ancheado da pista e na construción dunha senda peonil pola súa marxe dereita. Ao percorrido só lle falta a sinalización horizontal, algo que a adxudicataria levará a cabo tan pronto como o tempo mellore. Con todo, a estrada xa é transitable e en condicións de maior seguridade tanto para o tráfico rodado como para viandantes.

O obxectivo deste proxecto municipal foi o de continuar desenvolvendo o programa de substitución do asfalto das principais vías interiores do concello cambiándoo por aglomerado, por ofrecer este último tipo de firme unha maior durabilidade, adherencia e comodidade de marcha. Igual que noutros puntos do territorio, a actuación aproveitouse para engadirlle ao trazado unha senda de formigón que cobre case medio quilómetro de distancia.

O que se fixo foi darlle á pista maior larganza, xa que pasou de 3,5 a 4,5 metros de ancho e, ademais, a construción da senda incrementou a medida transversal até  5,5 metros.

O sobreancho para poder construír a vía peonil obrigou a preparar antes a cuneta da marxe dereita en sentido A Torre, de cara a afirmar a base e instalar canalizacións de drenaxe da chuvia. Nun punto da banda esquerda tamén foi necesario facer unha pequena escolleira duns 20 metros de lonxitude para evitar que a auga dun regato próximo socave o alicerce da estrada recén amañada.

A obra saiu a licitación pública a comezos do verán nun prezo de 59.832,01 euros que, unha vez finalizado o procedemento, quedou rebaixado na oferta ganadora aos 47.190 euros, ive incluído, financiados con cargo ao POS+ 2021 da Deputación da Coruña.

Para completar o programa viario acollido ao plan único provincial do ano pasado só faltaría por rematar o aglomerado entre Riolimpo e o Castelo. Esta obra iniciada recentemente tamén está a piques de finalizar. Dela encárgase a mesma empresa e, de feito, tras facer o traballo en Bardaos xa moveu o persoal e a maquinaria para Naraío, coa expectativa de acometer a renovación do firme entre hoxe e mañá.

Share.