Rebeca Soto e Jonathan Fernández vencen na sétima popular de San Sadurniño

0

Excepcional xornada deportiva a vivida esta mañá á beira do Xuvia co gallo da VII Carreira popular Concello de San Sadurniño. Temperatura inmellorable, ceo con nubes e raiolas, un entorno espectacular e un trazado que variaba con respecto ao das edicións anteriores foron os ingredientes do éxito dunha proba na que se inscribiron máis de 400 deportistas de todas as idades, desde Peques até Másters de máis de 50 anos. Na carreira absoluta, a que xuntou máis participantes, venceron a Máster 40 Rebeca Soto (Club Atletismo Narón)  e o Sénior Jonathan Fernández (Pasa ou entorna).

Soto, vencedora absoluta en feminino cun crono de 21:39, comentaba antes do comezo da carreira que o percorrido deste ano tiña máis dificultade da que parecía, con máis de medio quilómetro en subida no ecuador da proba, seguida logo por un pronunciado descenso “que se sentía nas pernas” e que incluso podía ter máis incidencia na marcha que tirar polo alento na costa anterior.

A variación do trazado con motivo desta sétima edición foi o máis comentado entre os e as participantes.  Que se ben se queixaban da subida e da baixada tamén valoraban positivamente que se introducise algo de desnivel despois de seis edicións sen practicamente diferencias de cota.

O alcalde, Secundino García -que tamén correu a popular e incluso a deu acabado- comentaba a este respecto que se pensou na modificación “como un aliciente máis para a volta da carreira despois de dous anos de parón. A maioría das persoas inscritas eran habituais ata 2019 e pensamos que despois de tantas veces correndo igual era momento de subirlles un pouco o nivel, e case todas e todos dixeron que fora un acerto”.

Que a carreira foi máis difícil dino os tempos feitos hoxe. O máis rápido en facer os 5 quilómetros foi o Sénior Jonathan Fernández, cun tempo de 17:09. Hai tres anos, cando todo era chan, o mellor crono foi o de Amador Pena con 15 minutos e 51 segundos.

Festa do deporte e do medio natural
A carreira deste 5 de xuño coincidía co Día Internacional do Medio Ambiente. Por este motivo o Concello fixo unha excepción no lema habitual, “corre pola igualdade”, cambiándoo por “corre polo medio ambiente” para sumarse á celebración da data e chamar a atención sobre as agresións sufridas polo Xuvia nos últimos tempos.

A popular de San Sadurniño confirmouse, ademais, como cita familiar. E é que no arboreto da Cortiña, ao pé do paseo fluvial, puideron verse moitas nais e pais correndo canda as súas fillas e fillos ou, se non, dándolles ánimos desde o outro lado dos valados, móbil en man para gravar os últimos metros.

Sorprendeu este ano a alta participación nas categorías das nenas e nenos máis pequenos, nas que foi necesario facer saídas en grupos para evitar que os peques tropezasen uns cos outros. Para todas e todos houbo medallas e, igual que para o resto, avituallamento e unha bolsiña de agasallo por cortesía do Concello. Ademais, na máxima categoría os gañadores e gañadoras levaron vales para canxear nos restaurantes locais.

Desde a área de Deportes agradécese o labor do persoal municipal, das persoas voluntarias e das firmas comerciais que colaboraron coa proba: Clínica Fisio-che Ben, a Panadería Inxerto, a Panadería O Forno, o Mesón A Granxa, a Parrillada Riboira e a Parrillada María Queira.

As clasificacións poden descargarse na web emesports.es

Share.