¿Quen dixo medo?

0

A Deputación da Coruña ofrecerá na tarde do venres 30 de xuño o obradoiro “¿Quen dixo medo?”, co que se pretende mellorar a capacitación das mulleres para responder ante a violencia machista. A actividade forma parte da campaña de sensibilización contra a violencia de xénero que o ente provincial está levando polos municipios da provincia. Desenvolverase entre as 18.00 e as 20.30h. coa participación de 15 mulleres. As inscricións poden facerse nas oficinas de Servizos sociais ou chamando ao 981 490 027 (ext.1).

Nesta campaña, a Deputación levará a cabo distintas actuacións nos concellos da provincia para abordar a violencia de xénero de forma integral. Entre os obxectivos da campaña está o de dotar á poboación dos mecanismos, coñecementos e habilidades precisos para detectar as diversas manifestacións da violencia de xénero e actuar de xeito contundente ante ela.

Con esta actividade búscase xerar un espazo que lles permita ás mulleres participantes identificar as agresións analizando a súa orixe e, ao mesmo tempo, proporcionarlles habilidades e coñecementos para rexeitar calquera ataque físico que poidan sufrir na súa vida cotiá, xa sexa dentro ou fóra do fogar.

Na nota informativa do obradoiro resáltase como  “fundamental” dotar ás mulleres dos mecanismos de defensa tanto físicos como psicolóxicos fronte a un posible agresor, “de xeito que a través das técnicas aprendidas poidan saír ilesas dunha situación de perigo”.

Entre os obxectivos da sesión están a análise dos porqués da violencia sexista, a aprendizaxe de técnicas que permitan resolver con seguridade unha agresión, o reforzo da autoconfianza da muller e, por último -e, se cadra, o máis importante- concienciar ás participantes sobre os seus dereitos e capacidades “fomentando a seguridade mediante a eliminación de estereotipos sobre a debilidade física feminina”.

O obradoiro impartirao persoal con especialización en materia de igualdade e en defensa persoal e estará dividido en dúas partes: unha teórica centrada no debate grupal e outra práctica que tocará cuestións de psicoloxía e técnicas físicas de autodefensa.

A actividade terá lugar nun espazo pendente de concretar -seguramente a Casa da Cultura- o venres 30 de xuño entre as 18.00 e as 20.30h. Ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición dándolle prioridade a mozas e mulleres empadroadas no concello. Para apuntarse só hai que chamar ao 981 490 027 (ext.1) ou pasar polas oficinas de Igualdade e Servizos sociais.

Share.