Quedan 7 días para engalanar o concello

0

O Concello de San Sadurniño lanzou a principios de mes o convite para que todas as casas e negocios do territorio se vistan de Nadal, nunha nova edición da proposta “Engalana o teu concello”. A idea consiste en decorar xardíns, fachadas, escaparates e incluso espazos públicos con motivos destas datas -cintas, luces, bólas, material vexetal… o que se queira- co obxectivo de ambientar as festas. Ademais, facéndoo poderase entrar no sorteo de vales canxeables no comercio e na hostalaría local. Para iso haberá que enviar tres fotos das decoracións -unha delas desde a vía pública- antes das 14:00h do venres 23 de decembro. As imaxes -xunto cos datos do lugar, a categoría na que se participa e o contacto- poden mandarse ao whatsapp 616 332 919 ou a agustin.perez@sansadurnino.gal.

En “Engalana o teu concello” hai de novo tres apartados e só se pode participar nun deles: individual (decoración de vivendas), colectivo (engalanamento de espazos públicos por parte de grupos de 2 a 5 persoas) e establecementos ou negocios de todo San Sadurniño, sexan do tipo que sexan.

Entre quen participen sortearanse os seguintes premios: 12 vales de 50€ cada un na categoría individual, canxeables no comercio local; 6 vales para xantares ou ceas (5 persoas/vale) no apartado colectivo; e 1 vale para catro persoas, tamén canxeable por un xantar ou unha cea, que se sorteará entre os negocios locais.

O sorteo terá lugar no Salón de Plenos do Concello o 4 de xaneiro ás 12:00h e os premios entregaranse o día 7 á mesma hora na Casa da Cultura, coincidindo en ambos casos coa rifa e a entrega de lotes da campaña de dinamización do comercio “No Nadal, consumo local”, tamén en marcha durante todo este mes de decembro.

A mecánica de “Engalana o teu concello” repite o funcionamento de anteriores edicións. A casa ou o negocio poderá decorarse con calquera motivo, aínda que se aconsella utilizar elementos naturais, de reciclaxe, utensilios, luces, etc. O importante é botarlle imaxinación. Unha vez feita a decoración hai que sacarlle como máximo 3 fotos -unha delas xeral desde a vía pública- e envialas por whatsapp antes das 14:00h do 23 de decembro ao 616 332 919 -ou a agustin.perez@sansadurnino.gal- xunto cos datos de contacto, o enderezo onde se atopa a decoración e a categoría na que se desexa participar.  Con todas as imaxes recibidas publicarase unha galería en Facebook.

O Concello tamén engalana distintos puntos do territorio
Ademais da convocatoria para o engalanamento do municipio por parte da veciñanza, o Concello tamén distribuiu múltiples elementos polas sete parroquias e pola zona urbana, onde hoxe quedará acesa a iluminación da glorieta do Outeiro, a torre do pazo e a praza do Convento do Rosario.

A rapazada do CPI e da EIM A Rolada penduraron cintas e outros adobíos nas árbores que flanquean a Avenida Marqués de Figueroa e, ademais, diante da sede municipal tamén está instalado desde hai uns días o pequeno poboado do Nadal construído con madeira reciclada por Carlos García e Marina Goti.

Na zona rural o Concello colocou carteis de felicitación das festas á entrada de cada parroquia -feitos en madeira e pintados en cores vivas-, ao tempo que distribuiu por outros puntos varias figuras alusivas: un Apalpador no Local Social de Bardaos, unha vaca de madeira  na área recreativa de Santa Mariña do Monte, o lume do Nadal  na área de descanso da Torre (Igrexafeita), o boneco de neve no Local Social de Lamas e uns renos diante da capela de San Cristovo, en Ferreira. En Naraío volverá dárselle un toque de luz ao castelo.

Share.