Que vos parecería que houbese clases de música moderna en San Sadurniño?

0

Basicamente esa é a pregunta que se fará nunha xuntanza convocada para este xoves 17 de novembro ás 17:15h na Casa da Cultura, co obxectivo de ver a posibilidade de poñer en marcha no noso concello unha escola estable que imparta distintos instrumentos e estilos musicais. Da actividade, aberta a todas as idades, encargaríase a empresa Espectáculos Leis, quen explicará na reunión cal é a súa oferta de actividades, todas elas impartidas por profesorado con titulación e con múltiples posibilidades formativas: jazz, soul, rock, pop, heavy, funky, latino….guitarra, saxo, trompeta, baixo, batería… etc. A xuntanza é con participación libre, pero quen queira ampliar información pode contactar coa promotora da iniciativa nos teléfonos 686 050 921 ou 610 826 120.

No encontro do xoves, a firma explicará con máis detalle como se organizarían os grupos, os prezos das clases, as opcións horarias e como se desenvolvería a formación en cada un dos distintos instrumentos, sempre e cando haxa demanda suficiente para poñer en marcha a actividade.

No convite para a xuntanza indícase que as ensinanzas se desenvolverán empregando un método “fácil e divertido para todas as idades” que tamén se avanzará este xoves, coa finalidade de que as posibles persoas participantes -rapazada e persoas adultas- saiban de antemán en que consistiría e como funcionaría esta escola de música. Nela non só se tería a posibilidade de aprender un instrumento con axuda de profesorado titulado, senón tamén de ensaiar en grupo con outros instrumentos, formar combos e mesmo gravar maquetas unha vez se teña certa experiencia.

A colaboración municipal céntrase na cesión do espazo en que se levarían a cabo as actividades (sempre e cando se creen grupos mínimos en cada disciplina) e, neste sentido, viría complementar a oferta existente na actualidade arredor da música tradicional, aínda que sen formar parte das escolas municipais.

“A empresa solicitounos poder presentar en San Sadurniño a súa proposta de ensinanzas musicais e sería fantástico que xuntase xente abonda para poñer en marcha clases en todos os instrumentos”, comenta a titular de Cultura, Amparo Calvo.  “É un servizo ofrecido por unha empresa, non polo Concello dentro das súas escolas culturais, que semella moi interesante e que pode ter unha moi boa acollida entre a veciñanza, por iso animamos a que calquera persoa interesada acuda á reunión informativa”, precisa a concelleira.

A xuntanza está posta para as 17:15h deste xoves 17 de novembro na Casa da Cultura. Quen non poida asistir ten a opción de contactar con Espectáculos Leis chamando aos teléfonos 685 050 921 ou 610 826 120. 

Share.