Publicado o listado de rapazada admitida na quenda de xullo da Aldea de Verán

0

O Concello resolveu hoxe mesmo provisionalmente o expediente das 43 solicitudes de praza presentadas para a quenda de xullo da Aldea de Verán. Agás unha, que dispón de cinco días hábiles para presentar alegacións, todas as demais foron admitidas, de modo que as familias que non o fixesen aínda -todas as de fóra do concello- deberán efectuar o pagamento do importe correspondente para poder enviar a rapazada a este servizo de conciliación que botará a andar o día 1 de xullo. Do total de peticións 27 son para nenas e nenos empadroadas en San Sadurniño, 6 pertencen a familias con vinculación laboral no territorio, 7 son de cativería doutros concellos pero matriculada no noso CPI e as 3 restantes son para crianzas que non teñen ningunha relación co municipio. 

A asignación das prazas da Aldea de Verán fíxose seguindo os criterios de prioridade establecidos nas bases, nas que se lles dá prioridade -por esta orde- ás familias empadroadas no concello, ás que teñan vencellos laborais no territorio, ás nenas e nenos que non sexan de San Sadurniño pero que veñan aquí á escola e, por último, calquera outra petición recibida, atendendo unicamente á orde de entrada no rexistro municipal.

Inicialmente ofertábanse 35 prazas, pero o Concello e máis a empresa que xestionará o campamento acordaron ampliar o servizo cunha persoa de monitoraxe máis, de maneira que se puideron admitir 42 das 43 peticións recibidas. A única rexeitada foino por tratarse dunha petición relativa a unha crianza que non estivo escolarizada no presente curso, un dos requisitos recollidos nas bases para poder gozar do servizo de conciliación estival que se desenvolverá nas quendas de xullo e agosto. En calquera caso, a solicitude en cuestión dispón de 5 días hábiles contados desde este venres para presentar as alegacións que considere.

As prazas ás que se refire a resolución de hoxe son as da quenda de xullo. As familias empadroadas en San Sadurniño xa pagaron a matrícula, mentres que as de fóra deberán satisfacer a taxa segundo corresponda (horario de entrada elixido, se hai desconto por segundo irmán/irmá ou posteriores…) ingresando ou transferindo o importe á conta do Concello en ABANCA: ES74-2080-0208-01-3110000059. Desde a área de Igualdade insístese en que no concepto se faga constar o nome e o apelido da nena ou neno e tamén cal é a mensualidade que se está abonando.

Xuntanza informativa
O departamento municipal de Igualdade emprazou a todas as familias admitidas a unha xuntanza informativa que terá lugar no patio interior do Concello -se chovese buscaríase alternativa- o mércores 29 de xuño ás 19:00h.

Nese encontro presentarase o equipo de monitoraxe que coordinará o campamento e tamén se explicará o programa educativo e de actividades que se vai levar a cabo durante os próximos dous meses, ademais de facilitarlle ás familias outra información do seu interese.

A data de inicio da quenda de xullo da Aldea de Verán está fixada para o venres 1. Igualdade prégalles ás familias que respecten a data de comezo e que envíen os nenos e nenas xa ese primeiro día, aínda que sexa ás portas de fin de semana, coa finalidade de que os grupos vaian coñecéndose e de que se adapten o antes posible á dinámica diaria.

A cativería inscrita -toda con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos- empezará con distintos horarios segundo as preferencias expresadas polas familias. Os máis madrugadores e madrugadoras  entrarán ás 8:30h e o resto iniciarán a mañá entre as 9:30 e as 10:00 h, rematando en ambos casos ás 14:30 h. As actividades desenvolveranse no ximnasio do CPI, salvo aquelas que se fagan no marco de visitas a outros espazos.

Desde o Concello lémbrase, por último, que o prazo de solicitude da Aldea de Verán para a quenda de agosto permanecerá aberto entre o 1 e o 12 de xullo, ambos días incluídos. 

Listado provisional de solicitudes admitidas e excluídas

 

Share.