Prosegue a extensión da banda larga polo territorio

0

O programa estatal UNICO, financiado con fondos europeos Next Generation, está achegando internet de alta velocidade ás zonas rurais por medio da extensión de novas redes de fibra óptica. No caso da provincia da Coruña, a primeira convocatoria deste programa (resolta en 2021) levouna a cabo Telefónica durante o ano pasado e máis este, completando a zona urbana e os núcleos máis poboados do noso concello. Porén, as convocatorias de 2022 e 2023 ganounas a empresa galega Rede Aberta, quen leva varios meses tirando cable por outras zonas do territorio, co obxectivo de que todo San Sadurniño dispoña dun servizo superior aos 100 “megas” como moi tarde en 2025, aínda que o máis seguro é que rematen antes.

Neste momento está en marcha o despregamento de 2022, que levará velocidades ultrarrápidas a 891 inmobles. A finais do pasado mes de novembro xa tiñan conexión case 500, de modo que en cuestión de meses quedará finalizado o programa do ano pasado, ao tempo que xa se vai ir desenvolvendo o adxudicado recentemente polo Estado, no que só faltarían por cubir Os Miguelares (Igrexafeita); Ramil (Lamas); A Rubiña, A Coruxa e Orxás (San Sadurniño), xunto con Arnadelo, Sabanda e Vilares, en Santa Mariña.

Rede Aberta estende o cableado e pono a disposición das operadoras que queiran alugalo. Algunhas delas, como por exemplo A Túa Xanela -que estes días ten un posto informativo na praza do antigo Concello-,Toxo, Grelo ou EVOA xa están contactando coas persoas e empresas usuarias para ofrecerlles paquetes de Internet, telefonía e televisión con prezos para todos os petos e tamén velocidades adaptadas a cada necesidade.

O máis habitual nas ofertas para domicilios son plans combinados con móbil, fixo, varias canles de televisión e Internet con 100, 300, 600 e até 1 “xiga” de velocidade, mentres que para as empresas (ou para quen o precise), a rede poderá chegar incluso aos 10 Gbps.

Desde o Concello aconsellamos non contratar a primeira oferta que recibamos, aínda que teñamos ansia por dispor de Internet xa mesmo. Os servizos máis básicos arrancan nos 30 euros mensuais e a partir de aí, dependendo do que queiramos en canto a velocidade e outros servizos, os prezos das distintas compañías van subindo. Por iso o mellor é investir tempo en mirar e comparar o que máis se axeite ás nosas necesidades, tendo en conta sempre que o Internet, incluso nas tarifas máis baratas, vai ser moitísimo máis rápido que o que tiñamos até agora, se o tiñamos.

Ademais das operadoras pincipais Movistar, Vodafone e Orange -xunto coas súas “low cost”-, que ofrecen servizo na zona urbana de San Sadurniño e arredores coa infraestrutura de Telefónica ou con tecnoloxía 5G, hai comercializadoras menores, moitas delas con sede en Galicia, que chegan ás casas a través do cableado de Rede Aberta. O listado actual -que podería incrementarse no futuro- é o seguinte: 7PLAY, A Túa Xanela, Áurea Telecom, EVOA, IT Sarria, ITEGAL, JUIFI, Planeta Voz, Eume Telecom, Fibritel, Grelo, OTEUOPERADOR, Pizpireta Telecom, REDEM e Toxo Telecom.

Share.