Proposta para este venres: pasar unha noite de morcegos

0

A Asociación Morcegos de Galicia é un colectivo comprometido co labor divulgativo e a conservación destes pequenos mamíferos voadores tan importantes para o ecosistema. No serán deste venres -19:30h- organizan un encontro na Casa da Xuventude no que poderemos aprender unha chea de cousas -cantas especies temos en Galicia, como e onde viven, de que se alimentan, etc…- ademais de desmontar unha chea de mitos que hai arredor destes animais. Trala charla inicial sairase dar unha volta pola zona para escoitar e ver a súa actividade, algo que seguramente sexa doado pola proximidade do hórreo, o tellado e o campanario do convento do Rosario, onde é habitual velos cazando á noitiña.  A actividade, denominada Noite de Morcegos, é gratuíta e conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de San Sadurniño. Para participar fai falla anotarse no correo info@morcegosdegalicia.org, onde tamén amplían información. 

Un dos membros do colectivo Morcegos de Galicia, o biólogo pontés Roberto Hermida, comentábanos esta mañá que en Galicia “hai citadas 25 especies de morcegos das que 11 están na lista de especies ameazadas”, a pesar de que estes quirópteros (palabra composta dos termos gregos keir=man e pteros=ala) gozan dunha protección “sobre o papel” que, porén, non se traduciu en medidas normativas concretas.

Morcegos de Galicia leva 20 anos -feitos neste 2024- investigando, conservando e divulgando sobre eles con accións como as Noites de Morcegos, que se centran na explicación da bioloxía e os hábitats duns animais “inofensivos” sobre os que pesan aínda moito descoñecemento e moitas crenzas equivocadas. “Cando os chourizos que estaban colgados aparecían roídos botábaselle a culpa aos morcegos, igual que se lles botaba a culpa de beber o aceite das lámparas das igrexas. Tamén hai quen di que transmiten enfermidades”, comenta Hermida ao respecto dalgúns dos motivos de que aos morcegos “non se lles queira ben”.

Porén, o biólogo asegura que, salvo algunha molestia, os morcegos galegos “non causan danos nin teñen ningún problema. E podemos ter tranquilidade porque tampouco transmiten ningunha enfermidade”. É máis, os morcegos de aquí, todos eles insectívoros, “son grandes reguladores das poboacións de insectos e contribúen a evitar as pragas”, asegura Roberto Hermida.

Morcegos de Galicia conciencia nas súas charlas sobre a necesidade de protexer as colonias empezando pola preservación das covas e recunchos onde viven e onde se reproducen. “Unha das accións que podemos levar a cabo é protexer os seus refuxios. Hai especies cavernícolas que viven en covas, pero tamén hai xente que os ten na casa no faiado. Os morcegos sempre están en espazos que non se usan e non fan mal ningún”, insiste Hermida.

Neste sentido, Morcegos de Galicia promove, entre outras estratexias, a colocación de caixas refuxio, a colaboración veciñal para facer o censo de quirópteros ou a sinatura dos chamados “acordos de custodia“, que son un pacto de boa vontade entre o colectivo e as persoas que teñan morcegos na súa propiedade. A grandes trazos, o acordo recolle o compromiso da entidade de facer un seguimento da colonia e de asesorar á propietaria ou propietario, quen asume pola súa banda o compromiso de levar a cabo boas prácticas que aseguren a súa permanencia.

Charla e observación de campo
Na sesión que organiza a asociación este venres en San Sadurniño –Casa da Xuventude, 19:30h– farase unha perquena introdución ás distintas especies presentes no noso país e á súa bioloxía, ademais de desmontar todos os mitos que existen sobre os morcegos, tamén os máis recentes alimentados pola literatura e o cine. Despois sairase dar unha volta polos arredores para escoitalos e interpretar o que estean facendo nese momento. “Levamos un detector de ultrasons para poder oílos e interpretar a actividade dependendo dos sonidos que emitan. Podemos saber a especie, se están alimentándose ou se trata de sons sociais”.

Ademais, se fai bo tempo, mesmo será posible ver os exemplares que saen de cazar á noitiña nos arredores do Convento do Rosario. Unha razón de máis para participar nesta actividade de divulgación ambiental e para facelo coa rapazada. É importante anotarse mandando un correo a info@morcegosdegalicia.org.

 

Share.