Prohibido plantar patacas en 2021 e, seguramente, tamén en 2022

0

Entre tanta voráxine informativa ao redor da COVID-19, case pasou desapercibido que hoxe se publicou no DOG o novo mapa de restricións para a planta da pataca por causa da couza guatemalteca. Tal e como se adiantou hai varias semanas, en San Sadurniño seguirá prohibido sementar, ao igual que en Valdoviño e Narón. No resto de municipios da volta -Cabanas, Cariño, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Moeche, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e A Somozas- si está permitido plantar, aínda que ao tratarse de zonas tampón deberá facerse con supervisión da Xunta.

De acordo co plan estatal de erradicación, para que San Sadurniño (ou calquera outro concello) deixe de estar considerado zona infestada é obrigatorio que pasen dous anos consecutivos sen que se constate a presenza de de Tecia Solanivora Povolny. Ao parecer, no noso concello houbo capturas deste insecto durante 2020, de maneira que quedaremos sen poder plantar todo o 2021 e en principio tamén o 2022.

O mantemento das restricións tamén o ano que vén estaría condicionado á vixencia do plan de erradicación, publicado en 2017 para un período de 5 anos. É dicir, se o Estado e a Xunta -encargada de aplicar as medidas- consideran que a loita deu resultado, o levantamento da prohibición podería materializarse de facto non prorrogando as medidas de control e erradicación máis aló de 2021.

O anuncio publicado no DOG ratificando a declaración de San Sadurniño como zona infestada pode consultarse aquí.

Share.