Programación municipal con motivo do Día Internacional da Muller

0

A área de Igualdade do Concello de San Sadurniño xa ten lista a programación con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. As propostas deste ano, dirixidas a todas as idades, estarán moi enfocadas na saúde das mulleres, así como na importancia do autocoñecemento e de coidármonos nós mesmas. E é que a saúde física, a saúde mental e a saúde emocional son fundamentais para ter unha vida plena e de calidade. Por iso é tan importante termos tempo para pensar nós, para aprender a recoñecernos, coidarnos a nós mesmas e poñernos diante e no centro das nosas vidas. Ademais, a programación municipal tamén reivindica, unha vez máis, que se valore e se visibilice como esencial o traballo de coidados que realizamos, xa sexa desde postos de traballo que recaen maiormente en mulleres -limpeza, servizos asistenciais, ensino, etc.-, ou o que facemos todas nós gratuitamente no fogar mirando da nosa xente, en especial das nosas persoas maiores.





8M – Eventos en San Sadurniño


Exposición de acuarelas de Saila Chao

Do 3 ao 28 de marzo – Casa do Concello

As obras que conectan o visible coa maxia das emocións, utilizando a acuarela como principal medio de expresión.

Manifesto e colgado de mandís

7 de marzo – 11:30 – Casa do Concello

Acto simbólico reivindicando o traballo de coidados que realizamos as mulleres nas profesións feminizadas e gratuitamente nas nosas casas.

Fala-Obradoiro de solo pelviano

8 de marzo – 11:30 – Casa da Xuventude

Sara Iglesias Sánchez, de CarabelSaúde, explicaranos algúns exercicios para coidar e manter en forma o noso solo pelviano.

Falando sen cancelas: A saúde das mulleres

8 de marzo – Estreo en Redes Sociais

Conversación con Estefanía Cabarcos Fernández, matrona do Centro de Saúde, sobre a relación entre a saúde física, mental e emocional das mulleres, con preguntas en colaboración coas alumnas das clases de solo pelviano.

Bravas con Isabel Risco

15 de marzo – 19:00 – Casa da Cultura

A actriz interpreta as vidas das mulleres galegas ao longo da historia coa súa mestura inconfundible de humor e rebeldía.

Pixamada de cine en igualdade con Brío

21 de marzo – 19:00 – Casa da Cultura

Traede o pixama e unha manta quentiña para gozar coas aventuras da guerreira “Ainbo: O espírito do Amazonas”, seguida dunha pequena fala coa Axente de Igualdade reflexionando sobre a película.

Obradoiro de escultura colectiva con Saila Chao e a ACRD Santa Mariña do Monte

29 de marzo – 11:00 – Local Social da Golpilleira

Con cartón prensado e moita cor, cada persoa elaborará pezas con frases e recordos que se unirán nunha obra común, simbolizando a rede de coidados entre as mulleres e a comunidade.

Para máis información, podes contactar en oriana.lopez@sansadurnino.gal ou chamar ao 695 876 178.

San Sadurniño
San Sadurniño en Igualdade
Cabo Ortegal Geoparque
Deputacion
ACRD Santa Mariña do Monte
Brío


Share.