Axudas para favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas, coa finalidade de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións. Establécense dúas liñas:
- Liña de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas.
- Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, de carácter opcional, coa finalidade de eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.
Persoas empregadoras e entidades beneficiarias: As persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica.
Persoas destinatarias finais: Mulleres que sexan contratadas en ocupacións masculinizadas e que cumpran o requisito de estar desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
Gastos subvencionables:
As contratacións por conta allea de mulleres en ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación. Na sede electrónica da Xunta atópase dispoñible para a súa consulta a relación de ocupacións en que as mulleres están infrarepresentadas, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións.
Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida, ben con xornada a tempo completo, ben a tempo parcial (mínimo 50% da xornada).
O período durante o que se teñen que producir os contratos para que sexan subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 20 de outubro de 2024.
Os gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, coa finalidade de eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres na empresa (aseos, vestiarios, espazos para menores, etc.).
O período durante o que se teñen que producir obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 20 de outubro de 2024.
Prazo de solicitude: ata o 30/09/2024.
Cantidades:
- Incentivos á contratación.
- a) As contratacións indefinidas iniciais a tempo completo de mulleres desempregadas incentivaranse cunha contía base de 15.000 €.
- b) As contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial (mínimo 50 %) e as contratacións indefinidas fixas-descontinuas (mínimo 6 meses) incentivaranse cunha contía base de 7.500 €.
As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si: no suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural, se a muller contratada é unha persoa con discapacidade, se a muller contratada é maior de 45 anos, se a muller contratada é emigrante retornada ou estranxeira ou se a muller contratada é persoa trans.
A contía máxima posible que se vai subvencionar por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 26.250 €.
- Gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo.
2.1. O importe máximo da axuda será de 10.000 €.
2.2. Os gastos de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo deberán estar realizados e pagados a data 20 de outubro de 2024.