Presentado en San Sadurniño o programa “O lavadoiro”, que pretende implicar a veciñanza de maneira activa na erradicación da violencia machista

0

Hoxe botou a andar en San Sadurniño o proxecto piloto “O lavadoiro”, propoñendo un novo enfoque que contribúa a erradicar a violencia machista. O obxectivo principal desta iniciativa promovida pola Deputación da Coruña en San Sadurniño e Moeche é crear unha rede veciñal de facilitadoras que saiban identificar posibles situacións de maltrato físico e/ou psicolóxico e que, ademais, lle ofreza ás vítimas o apoio, a comprensión e o acompañamento necesarios para saír desa situación. A presentación do proxecto tivo lugar na Casa da Cultura esta mesma tarde coa participación de 25 persoas, entre persoal municipal e político, representantes de entidades e varias veciñas e veciños interesados en sumarse ao grupo de traballo que se reunirá regularmente de aquí a maio. Tamén homes, parte fundamental para seguir traballando a prol dunha igualdade plena e dun novo modelo de masculinidade baseado no respecto, a corresponsabilidade e a liberdade individual. Este lavadoiro -que toma a esencia deses antigos epicentros comunitarios e de sororidade- está aberto a quen queira unirse a el. Para iso só hai que chamar ao 981 490 027 ext.1 ou enviar un correo a veronica.rodríguez@sansadurnino.gal. Proximamente publicaremos o calendario de xuntanzas previstas para os próximos meses.

Os encontros estarán coordinados pola Cooperativa Arabías. Serán xuntanzas moi dinámicas (non son charlas nin tampouco un curso) para aprender e intercambiar ideas. E para mostra, a presentación de hoxe, na que as persoas participantes se distribuíron en pequenos grupos de debate para poñer en común os distintos puntos de vista sobre unha lacra social de primeira orde. “É unha presentación atípica. Non pretendemos explicar o proxecto, senón que a xente sexa partícipe dun proceso que queremos que sexa comunitario”, explicaba durante a sesión Beatriz López, unha das socias de Arabías.

A partir deste primeiro encontro irase  traballando en tres grandes áreas ou “patas”, segundo definiu Belén Gavín, outra das integrantes da cooperativa. “Hai diferentes accións ou actividades en función do perfil das persoas participantes. As de tipo máis formativo diríxense ao persoal técnico e político para sensibilizar e formar sobre violencia machista. Hai outra pata para crear un grupo de sensibilización e de traballo conxunto para homes que queiran explorar masculinidades non hexemónicas e tamén para que reflexionen sobre cal pode ser o seu papel na prevención da violencia de xénero. E logo hai outra pata que serían as mulleres da comunidade, porque outra das vías do proxecto é crear un grupo de facilitadoras comunitarias que se formen e que sexan sensibles en canto á violencia de xénero para poder acompañar a outras mulleres que poidan estar nesa situación”.

Este terceiro aspecto é, se cadra, o de maior peso do proxecto, dado que se pretende impulsar unha rede de proximidade que identifique os sinais da violencia machista e que vaia en axuda de quen a sofre “desestigmatizando” e sabendo como facelo “para non empeorar a situación”.

Para iso fai falla ter certos coñecementos sobre o problema e moita capacidade de empatizar coa vítima de maltrato para axudarlle a dar o paso que a saque a ela e ás súas fillas e fillos (tamén vítimas) desa situación. “A veces a dificultade é que vaian ás institucións e recursos que están pensados para elas. Trátase de que esas mulleres, que poden ser amigas ou veciñas (da vítima), fagan de ponte intermedia. Que estean formadas, que as acompañen e que fagan ese  labor de estar aí e soster ás mulleres que poidan estar nunha situación de violencia”, comenta Gavín.

Feita a presentación, toca empezar a traballar. Arabías ten xa definida a folla de ruta para os próximos tres ou catro meses. O primeiro é que a xente coñeza o proxecto, que lle empece a soar “e captar persoas para participar nas accións que se deseñaron”. Unha vez formados hoxe os primeiros grupos de traballo de mulleres e homes, a partir de marzo preténdese que se vaian engadindo máis persoas ao proxecto e, a partir de abril, comezar co ciclo de xuntanzas de formación, debate e intercambio de ideas “que culminará coa definición dun Pacto local contra a violencia de xénero cara a finais de maio ou principios de xuño, dependendo do que a comunidade necesite”, explican desde Arabías.

Porén, o obxectivo último é que o grupo de homes e mulleres siga traballando por si mesmo despois desta fase de posta en marcha, e que o faga en contacto permanente co Concello e como parte fundamental da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero creada en 2019 que agora, pasados os peores momentos da pandemia, San Sadurniño e Moeche buscan revitalizar aproveitando a creación destes novos grupos de traballo pegados á realidade social do territorio. “Gustaríanos que o proxecto quedase na comunidade máis aló da nosa presenza” -comentan as responsables de Arabías- “que as mulleres sigan acompañando e que os homes sigan reflexionando e chegando a outros homes. Que os grupos sigan funcionando.”

“O lavadoiro” é un proxecto piloto promovido pola Deputación. Mari Carme Muíño -concelleira e responsable da área provincial de Igualdade- confía en que a experiencia sexa trasladable a outras zonas. “Queremos aprender, levalo adiante e aproveitar o coñecemento adquirido para replicalo noutras partes”, dixo Muíño facendo fincapé no seu enfoque “innovador” desde o momento en que nel van estar implicadas institucións, mulleres facilitadoras e homes comprometidos cun novo modelo de masculinidade non hexemónica.

Para solicitar máis información ou entrar formar parte deste proxecto tan novidoso pódese chamar ao 981 490 027 (ext.1), ou  mandar un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Obradoiro para a rapazada sobre os novos escenarios da violencia de xénero
En relación con este tema, hoxe tamén se desenvolveu no CPI San Sadurniño un obradoiro dirixido ao alumnado de 4ª da ESO co título “Violencia de xénero no novo contexto dixital”

As mozas e mozos tomaron conciencia nesta actividade sobre cal é a utilidade da Internet, das APPs e das redes sociais que usan habitualmente, repasando o seu funcionamento e os seus beneficios… pero tamén os seus riscos.

Os contidos abordaron a denominada “violencia dixital”, que se manifesta de maneiras moi distintas -acoso, stalking, ciberbullying, etc.-, e centráronse maioritariamente en como as condutas violentas por razón de xénero se reproducen tamén nos entornos virtuais.

Esta actividade -que tivo que adiarse ata agora por mor da pandemia- encadrouse no acordo de colaboración suscrito entre a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e a FEGAMP.

 

DSC09786_Original ratio_1920x1080_H_100

 

Sin título-2_Original ratio_720x123_H_90

Share.