Posponse para mañá a rodaxe de “Rapa” en San Sadurniño

0

A produtora Portocabo comunicoulle esta mañá ao Concello que a rodaxe prevista para hoxe en San Sadurniño de varias escenas da serie “Rapa” se retrasará a mañá. O cambio débese a reaxustes no programa de filmación previsto -hoxe están en Valdoviño-, aínda que contan iniciar os preparativos na Casa da Cultura, DZINE e a sede municipal esta mesma tarde. Por esta razón, e ante a posibilidade de que o equipo precise ocupar os espazos reservados, o Concello e a produtora acordaron manter as restricións ao estacionamento nunha parte de Marqués de Figueroa, no aparcadoiro do cemiterio e tamén na banda dereita do tramo urbano da AC-862 entre o Centro de Día e a oficina de Correos. 

As limitacións ao aparcamento de vehículos abranguerán, polo tanto, ata as 22:00h deste martes 23 de novembro, manténdose os mesmos espazos que o Concello xa avanzara o xoves:

  • Nas beirarrúas de ambas marxes de Marqués de Figueroa no tramo comprendido ao longo da parte dianteira do colexio público. As familias que acudan  levar ou recoller a rapazada deberán utilizar como estacionamento alternativo o campo do bispado onde se desenvolve a Feira da Plantación ou as beiras da avenida desde o colexio até o edificio Villa de la Tranquilidad. Diante de DZINE poden producirse cortes intermitentes do tráfico que, en calquera caso, serán duns dous ou tres minutos de duración como máximo.
  • Tamén seguirá prohibido aparcar na rúa da Casa da Cultura e o Centro de Saúde. Ademais tamén quedou reservada para o equipo de rodaxe a zona de estacionamento que hai diante do cemiterio. As persoas que vaian ao médico deberán deixar o coche en Marqués de Figueroa, aínda que se permitirá o paso de vehículos para baixar a quen teña mobilidade reducida. Sobra dicir que tamén poderán acceder ambulancias e calquera emerxencia.
  • O terceiro punto que continuará ata mañá á noite con prohibición de estacionamento é a marxe dereita da AC-862 en sentido Ortigueira, concretamente desde o Centro de Día até diante de Correos, de maneira que a clientela habitual do café Del Palacio e quen vaia facer xestións ao Concello deberá deixar o coche no aparcadoiro do Centro Municipal de Empresas ou na outra banda da estrada.

Ademais destas zonas onde estará prohibido estacionar, o equipo de produción da serie tamén ocupará durante o día outros espazos. Así, as carpas para o catering situaranse na praza do antigo Concello e os camións con material tamén se distribuirán por un dos laterais e a parte traseira do pazo (dentro dos xardíns).

Os emprazamentos de filmación serán a Sala DZINE -sobre todo o recinto do antigo Cine Avenida-, o patio e o salón de plenos do Concello e a Casa da Cultura. Neste último emprazamento a produtora sinala que a gravación se fará en interiores e tamén no acceso exterior.

Desde Portocabo informaron a última hora do venres de que nas escenas filmadas en San Sadurniño participarán os dous protagonistas da serie -Javier Cámara (Tomás) e Mónica López (Maite)- na compaña doutras actrices e actores galegos, ademais de extras da comarca convocados pola produtora Alén Filmes, quen xa hai varias semanas lanzou anuncios de casting para a serie a través das súas redes sociais. De feito, segundo parece, parte das compoñentes de “Teño unha horta en San Sadurniño” tamén terán un pequeno papel na serie. Alén Filmes mantén aberta neste momento a busca de rapazada de entre 10 e 16 anos con certa experiencia interpretativa para filmar en Cedeira.

 

Share.