“Polo Nadal, consumo local” segue entregando papeletas para entrar no sorteo de fantásticos lotes de produtos de calidade

0

A campaña de dinamización do comercio e os servizos promovida polo Concello durante estas festas encara a súa recta final. Quedan pouco máis de dez días para cubrir as papeletas que dán dereito a entrar no sorteo de lotes de produtos alimentarios da máxima calidade e, ademais, elaborados en Galicia. Arredor de corenta establecementos e servizos locais participan na iniciativa que remata o próximo 7 de xaneiro. Conseguir rifas é ben doado. Abonda con facer compra en calquera dos establecementos adheridos, independentemente do gasto que fagamos, aínda que canto máis apostemos polo noso, máis oportunidades de ganar, ademais de estar contribuíndo ao sostemento do comercio de proximidade. 

A mecánica segue sendo a mesma que nos anos anteriores, con papeletas  de distintas cores dependendo do importe da compra. Así entre os boletos que nos entreguen por gasto de ata 10 euros, de cor rosa, sortearanse seis cestas valoradas en 50€ cada unha. As rifas por compras superiores a 10 euros, amarelas, entrarán no sorteo doutras catro cestas cun valor unitario de 100€.

Para optar aos premios será necesario que cubramos a papeleta co noso nome e un teléfono de contacto, ademais de introducila na urna que atoparemos no local participante. Non hai límite de rifas: cantas máis compras fagamos, máis opcións de levar os premios que se sortearán en público no salón de plenos o mércores 10 de xaneiro ás 9:00h. A área de Desenvolvemento local contactará ese mesmo día coas persoas agraciadas e os lotes entregaranse o venres 12 ás 14:30h.

“Polo Nadal, consumo local” é unha iniciativa de promoción do comercio e os servizos locais impulsada en 2020 por varios negocios do municipio -con apoio do Concello- como maneira de contribuír á recuperación económica tralos momentos máis duros da pandemia.

Nesta cuarta edición participan cerca de 40 establecementos de San Sadurniño entre bares, restaurantes, supermercados, tendas de todo tipo e negocios centrados en servizos.

 

 

Share.