Pleno breve con unanimidade nos tres puntos que se someteron a votación

0

Atendendo á orde do día do pleno celebrado onte á tardiña cabía esperar que se tratase dunha sesión breve e de escasa intensidade dialéctica. E así foi. A corporación municipal deulle o visto e prace por unanimidade e sen debate aos tres asuntos “de trámite” que requirían votación -a acta anterior, o nomeamento de Ara Bellas como representante municipal no Fondo Galego e os festivos locais do ano que vén-, mentres que o intercambio de pareceres goberno-oposición (só o grupo do PP nesta ocasión) quedou para o apartado de rogos e preguntas, que foi proporcionalmente o que máis tempo consumiu dunha sesión que pasou pouco dos 21 minutos.

Antes de pasar á orde do día, o alcalde deulle a benvida á nova secretaria-interventora municipal, Olalla Álvarez de Neyra Martínez,  que recentemente tomou posesión da súa praza definitiva no noso Concello trala marcha ás Somozas do anterior titular, Miguel Arroyo Moreno.

Secundino García desexoulle á habilitada nacional unha carreira profesional “longa e proveitosa” en San Sadurniño, “porque esta é a súa casa”.

Dito isto, o pleno abordou os temas para deliberación e acordo. A acta da sesión anterior aprobouse por unanimidade e tamén a proposta de nomear representante municipal no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade á concelleira de Igualdade, Araceli Bellas Castro, en substitución de Ana Belén Breixo Gundín, quen tamén ocupaba o cargo de vicepresidenta desta asociación de municipios centrada na cooperación internacional.

A terceira cuestión que requiría votación, a dos festivos locais de 2023, recibiu tamén o apoio unánime da corporación e, polo tanto, quedaron fixados o 21 de febreiro, Martes de Entroido, e o luns 3 de xullo, posto que o 2 -día en que tradicionalmente se celebra Santa Isabel- cae en domingo.

Preguntas do PP e da única persoa que asistiu como público
Ao remate da votación dos festivos, o alcalde deu conta dos decretos aprobados desde o anterior pleno e, deseguido, entrouse no apartado de preguntas. Ata ese momento transcorreran pouco máis de cinco minutos de sesión. Os 16 restantes dedicáronse ás cuestións plantexadas pola oposición sobre asuntos diversos.

José Luís Hermida preguntou polos motivos de que non se incluísen na orde do día as bases das axudas para Cultura e Deportes. O alcalde aclarou que a aprobación das bases é competencia da Xunta de Goberno Local e que, por primeira vez, a convocatoria xa fora enviada para a súa publicación na Base do Sistema Nacional de Subvencións. García engadiu que o texto sairá proximamente  tamén no BOP, co que abrirá o prazo de presentación de solicitudes.

Esther Díaz interesouse polos depósitos de madeira que, ao parecer, se están facendo no aparcadoiro da igrexa de Santa Mariña preguntando se estes contaban con autorización municipal no caso de que os terreos sexan propiedade ou estean cedidos ao Concello, un extremo que o rexedor se comprometeu a comprobar.

A portavoz popular, María Belén Trigo, felicitou a Carlos García e Marina Goti polas figuras que están montadas desde hai uns días na Fraga Máxica da Cortiña para, a continuación, preguntar pola súa homologación de seguridade como espazo infantil. O alcalde precisoulle que a montaxe son “elementos decorativos dun espazo”, como outras figuras e estruturas de García e Goti que hai á beira do Xubia. De feito, e aínda que no pleno non se detallou pormenorizadamente, a parella creativa asinou nos últimos anos o coñecido como Pinocho (de nome verdadeiro “Agapito”), o camiñante Andimundi, o boneco articulado Pizpitirigüete ou incluso o barco pirata situado na área de lecer do Mesón A Granxa. Con todo, o alcalde comprometeuse a colocar na Fraga Máxica un cartel explicativo da finalidade coa que foi concibido o espazo.

 As dúas últimas preguntas por parte do PP -o concelleiro do PSOE non asistiu á sesión- centráronse na necesidade de limpeza dunha leira urbana situada en Cornide e en inquirir ao Goberno local sobre os supostos retrasos na campaña estival de rozas. Secundino García centrou a maior parte da súa resposta na segunda cuestión, asegurando que neste momento hai dous tractores traballando a tempo completo máis un externo de reforzo e que, polo tanto, as rozas se están executando “coma todos os anos” co obxectivo de que a mediados de setembro se lle teña dado unha volta completa a todo o territorio despois do desbroce de primavera.
Tras levantar a sesión, o alcalde cedeulle a palabra a unha persoa que asistiu como público, con interese en saber en que estado de tramitación se encontra o PXOM. O alcalde informou de que o planeamento está aprobado inicialmente e aínda á espera dos informes preceptivos de Augas de Galicia, relativos -segundo García- “a cuestións administrativas” que teñen que ver coa legalización das captacións de auga municipal. O rexedor avanzou, porén, que se fixo unha consulta á Dirección Xeral de Urbanismo e que está enriba da mesa “a posibilidade” de aprobar o planeamento provisionalmente condicionado á recepción posterior dos informes de Augas.

Share.