Piñeiros terá por fin saneamento, custeado integramente polo Concello

0

Pasa xa dos dez anos desde que a Xunta de Galicia -daquela gobernada polo Bipartito- se comprometera por escrito co Concello a levar adiante a ampliación do saneamento municipal á zona de Piñeiros, en San Sadurniño. Un proxecto cercano aos 180.000 euros que foi motivo de varias reunións coa Xunta nos últimos anos para demandar o cumprimento do acordado que, ao parecer, “quedou gardado nun caixón” tralo cambio de goberno autonómico, tal e como dixo en repetidas ocasións durante este tempo o alcalde de San Sadurniño, Secundino García. Agora o Concello, “farto de que nos dean largas”, toma a iniciativa e asumirá en solitario o estendido da rede con fondos propios procedentes dos remanentes de Tesouraría cos que pechou o exercicio de 2020. O proxecto está en fase de licitación pública desde onte. As empresas interesadas en participar no procedemento teñen até o 26 de setembro para presentar as súas propostas. 

A obra arrancará á beira da estrada provincial en Silvalonga e baixará por Piñeiros ata chegar á EDAR de Cornide, estendendo no camiño 5 ramais de conexión para as vivendas máis afastadas da pista municipal.

En conxunto son case 2 quilómetros de canalizacións soterradas e 46 pozos de rexistro que recollerán as augas residuais de máis dunha vintena de domicilios situados na súa maioría nesa zona lindeira con Narón -que recentemente acometeu un proxecto similar- e tamén no núcleo da Portela.

Case todo o trazado discorrerá polas cunetas das vías do Concello a unha profundidade media de 1,5 metros, aínda que tamén hai puntos concretos onde se deberán tocar tramos de pista e beirarrúas. De feito, no proxecto tamén se contempla que ao remate dos traballos hidráulicos se aproveite para reasfaltar o percorrido.

A obra sae a contratación pública por un importe de 179.893,80€ e un prazo máximo de execución de 5 meses. Porén, antes do comezo haberá que agardar pola autorización de ADIF para sortear a liña do ferrocarril. Ese é, ademais, o principal reto técnico para a execución do proxecto. Na descrición do plan de traballo explícase que fará falla unha máquina perforadora especial, capaz de furar facendo unha parábola invertida por debaixo da vía do tren pola que despois se meterán as tubaxes.

O Concello agarda que o permiso da Administradora da infraestrutura ferroviaria, á que xa se lle remitiu o proxecto, se confirme ao longo da fase de avaliación de propostas presentadas polas empresas concursantes, de maneira que tan pronto como se asine o contrato as obras poidan comezar de inmediato. “Eses son os tempos que barallamos”, apunta Secundino García engadindo que, en calquera caso, “aínda que haxa algún retraso na autorización, seguro que non vai ser tanto como o que xa leva acumulado este proxecto que a Xunta se comprometeu por escrito a financiar aló polo 2008”.

O rexedor recorda que a execución do saneamento de Piñeiros contaba co apoio da Consellaría de Medio Ambiente do Bipartito e que, trala mudanza do goberno da Xunta, “quedou gardado nun caixón”. Desde aquela houbo varias tentativas infructuosas por parte do Concello para que a Administración autonómica “cumprise o acordado”, que se materializaron en varias xuntanzas con representantes de Augas de Galicia e no envío de documentos e enmendas ao proxecto requiridos polo ente adscrito hoxe á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade. “Non houbo nada que facer. Mareáronnos canto quixeron, pero de poñer cartos enriba da mesa para o saneamento de Piñeiros, nada de nada”, lamenta Secundino García.

O Goberno local, “fartos de que nos estivesen dándo largas” aproveitou o alivio da normativa estatal sobre a regra de gasto e estabilidade orzamentaria para dedicar a esta obra unha parte dos remanentes de Tesouraría cos que pechou 2020. O acordo adoptouse en pleno o pasado mes de maio e agora o saneamento levarase a cabo con fondos integramente municipais. “É un investimento elevado, pero moi necesario. Non podiamos permitir que seguise esperando”, asegura o alcalde.

Na EDAR de Cornide están facéndose traballos de mellora da súa eficiencia, financiados por Augas de Galicia

Na EDAR de Cornide están facéndose traballos de mellora da súa eficiencia, financiados por Augas de Galicia

Modernización da EDAR de Cornide e da potabilizadora
Porén, non todo son dardos políticos dirixidos á Consellaría de Infraestruturas. Secundino García lembrou ao respecto que nestes momentos se están facendo distintas reparacións na depuradora de Cornide que contarán  cunha achega de 49.862,15 euros de Augas de Galicia, cos que se cubrirá o 100% dos traballos de modernización da instalación. Con eles preténdese incrementar a súa eficiencia e eficacia de tratamento das augas residuais, sobre todo se se ten en conta que en breve deberá procesar tamén todo o que baixe desde Silvalonga, Piñeiros e A Portela.

Ademais desta axuda para saneamento, a Consellaría tamén comunicou recentemente a concesión doutra cifrada en 27.000 euros para a automatización da Estación de Tratamento de Auga Potable da Agra. A actuación conta con financiamento europeo no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Axudas infraest. hidráulicas 2021-Xust.-FOTOS (17)

Share.