Pasou San Paio, pasou o Río Castro… e agora, San Cristovo

0

Estamos que non paramos. En toda a volta multiplícanse os eventos festivos cadrando co arranque do verán e das vacacións para moitas e moitos. E o noso concello non ía ser menos. Acabamos de pechar unha fin de semana moi intensa -e exitosa- en Naraío, o domingo actuou Xacarandaina na praza do antigo Concello e xa temos aí, en nada, unha nova cita, o San Cristovo de Ferreira de arriba que se vai celebrar o sábado e o domingo con música e xantar popular os dous días. Os tíckets poden mercarse no Café bar Del Palacio (en Gavín, vaia), no Bar Ferreira e na Parrillada María Queira. Con todo, e sen ánimo de quitarlle a gana de troula a ninguén, debemos ter presente que o coronavirus segue circulando e con índices de transmisión moi elevados. Por iso, precaución e non fagades vida social se notades síntomas nin moito menos se fixestes proba e destes positivo, aínda que vos atopedes ben. Aínda que practicamente non quedan restricións activas -só a máscara en determinados lugares- debemos seguir cumprindo as recomendacións das autoridades sanitarias para previr contaxios.

Dito isto, volvamos ao tema do San Cristovo. A comisión anunciou a festa hai escasos días tirando por unha fórmula que marcará tendencia na celebración dos patróns futuros, sobre todo naquelas parroquias pequenas que só queren xuntarse, pasar o día e “botar unhas piezas”, sen meterse no follón das orquestras  que atraen multitudes.

Referímonos a ese novo modelo de patrón ou patroa que inclúe xantar popular baixo carpa e que, se se pensa ben, sae case máis a conta que andar pendente do forno, do cabrito, de pelar patacas, das encargas de pan, empanada e doces… e incluso de ter que atender convidados e convidadas que sempre se reciben con gusto, pero que case nunca teñen apuro para marchar.

Neste sentido, en Ferreira de arriba o San Cristovo celebrarase este sábado 9 de xullo cunha misa na capela do santo seguida dunha sesión vermú animada por Pekados que rematará co xantar a base de paella, rabo de touro, bebida, sobremesa, café e chupiño ao prezo de 30€ por persoa. No cartel anunciador indícase que se algunha persoa non quere a carne deberá comunicalo no intre de mercar o tícket e serviráselle outro prato.

Xa pola noite haberá verbena de novo co Grupo Pekados e cos incombustibles Dúo Suso, grupo mítico das Pontes que nunca recolle mentres quede xente con gana de bailar no campo da festa.

O domingo 10 tamén se celebrará misa, sacarase o santo e, tralo “fuejo”, sesión vermú co Trío CQC, quen tamén ambientará a tarde (á noite non hai festa). O menú que se servirá ese día está composto por lagostinos, churrasco, bebida, sobremesa, café e un licor. O prezo é, neste caso, de 25€ por persoa. Igual que o sábado os nenos e nenas ata 6 anos (incluídos) non pagan e de 7 a 11 anos o prezo é de 10 euros. Para elas e eles haberá inchables os dous días.

Meiga-I en DZINE co seu espectáculo de Drag Pandereteira
Para quen queira un ambiente distinto -ou alternalo co de Ferreira, que tamén dá tempo- a cafetería DZINE III propón pasar un pedazo ben entretido con Meiga-i, a drag pandereteira que actuará ás 20:30 e ás 22h con entrada gratuíta e dous espectáculos distintos, unidos pola música e o monólogo.

Segundo publicou o establecemento nas súas redes sociais, Meiga-i “fusiona o folk galego coa linguaxe drag para crear unha auténtica fantasía galega”. O espectáculo conta coa colaboración do Concello.

Share.