Os xardíns municipais e o entorno do Rosario estrean iluminación

0

Hai xa algúns días que a noite é menos noite nos xardíns municipais, no pazo e no conxunto arquitectónico do convento do Rosario. O Concello acaba de instalar nestes tres lugares un novo sistema de iluminación led que ademais de acentuar a beleza dos espazos tamén axuda a admiralos despois do solpor. Á mellora estética xúntaselle tamén o incremento da visibilidade en zonas que están relativamente afastadas da vía pública, co que indirectamente tamén se lles dá un plus de protección. No proxecto investíronse 26.750 euros procedentes dos remanentes cos que se pechou o exercicio económico de 2017.

Orixinariamente tanto os xardíns do pazo como o adro do convento do Rosario dispuñan de luz a ras do chan que acabou avariando polo paso do tempo e as filtracións de humidade. Ademais, nos últimos tempos o Concello iniciou a progresiva substitución das antigas liñas de alumeado público por outras máis modernas e de menor consumo baseadas na tecnoloxía led. Esa foi a razón de que para restituír a iluminación dos xardíns, da fachada do pazo, do convento e da antiga praza do Concello se optase por este tipo de equipamento, co que se pretende darlle uniformidade a todo o entramado luminoso que se vaia cambiando.

As luces led gastan menos electricidade, ofrecen unha luz branca máis natural, iluminan mellor que as convencionais sen precisar tanta potencia e duran ata 50.000 horas, é dicir, en teoría poderían estar acesas día e noite durante case 6 anos sen avariar. Outra das vantaxes desta tecnoloxía é que, cando o seu uso está ben calculado, se reduce considerablemente a contaminación lumínica que se proxecta ao ceo.

A iluminación dos xardíns tamén realza a arquitectura do pazo

A iluminación dos xardíns tamén realza a arquitectura do pazo

A instalación que se acometeu nos xardíns municipais busca marcar os sendeiros e a zona de xogos que hai na súa parte inferior, ademais de iluminar a fachada sur da casa consistorial e mesmo os couces das árbores de maior porte que hai en paralelo á estrada de Ferreira. Todo o recinto -tamén a parte dianteira da casa consistorial- é visible agora desde lonxe e a distribución dos puntos realza tamén de noite a dimensión do conxunto.

O mesmo ocorre no entorno do Rosario. Alí as luces enchen as paredes da igrexa de Santa María, o perímetro exterior do claustro e tamén a praza da antiga casa consistorial. A diferenza das que se instalaron cando se remodelou o adro, hai case unha década, estas van elevadas, parte delas penduradas en farois e outras en báculos, o que simplificará no futuro calquera operación no mantemento.

Outros catro proxectos con cargo aos remanentes de 2017
Os 26.750 euros que se investirán nesta intervención proveñen dunha partida próxima aos 140.000 euros incorporada ao orzamento deste ano tras pechar en positivo as contas de 2017. Con cargo a esa contía tamén se acometerán -ou xa están feitos- outros catro proxectos.

37.500 euros irán parar ás obras de consolidación e posta en valor do castelo de Naraío. Unha cantidade que se corresponde co 20% do total -uns 151.000 euros-, que será asumido pola Deputación da Coruña, ao tempo que a Xunta de Galicia se encargará do proxecto e máis da dirección das obras.

Outros 26.445 euros reserváronse para acondicionar o aparcadoiro da área recreativa dos Currás cun novo pavimento, ademais de levar a cabo obras que melloren a drenaxe da zona.

O cuarto proxecto centrarase na mellora da seguridade viaria: 24.449 euros para a construción dun empedrado de contención na pista que une A Ribeira coa Fervenza, en Igrexafeita, e outro na zona do Pico, en Naraío. Dentro dese importe tamén se contempla a instalación dun valado de protección na volta de Pirulelle -no límite entre San Sadurniño e Neda- e o acondicionamento da pista que leva ao campo de fútbol de Naraío.

A última partida orzamentaria, de 23.764 euros, corresponde ao arranxo dunha pista en Cornide e outra que une os lugares do Cancelo, Vilaverde e Brame, en Lamas.

 

 

 

Share.