Os Venres en Sansa! despídense cun cento de inscricións

0

Este venres desenvolveranse en San Sadurniño os catro obradoiros do último Venres en Sansa!, o programa deseñado pola área de Mocidade para ofertarlle á xente nova propostas de lecer alternativo durante este mes de xuño. Para esta derradeira sesión hai organizado un guateque xuvenil na Casa da Cultura, un obradoiro de astronomía, unha ruta de sendeirismo e -a grande atracción- tamén unha tirolina xigante que se instalará nos xardíns municipais. Ata esta mañá botaran a súa solicitude de participación un total de 97 persoas. Case a metade delas apuntáronse a esta experiencia  de escorregar por un cabo a varios metros de altura. 

Se o tempo e o desnivel o permiten, a tirolina estará posta entre a azotea do Centro Municipal de Empresas e a palmeira que lle queda xusto en fronte. Son exactamente 50 metros de distancia nos que a mocidade poderá ceibar adrenalina entre as 19 e as 21.00h.. Hai apuntadas 45 rapazas e rapaces que, durante esas dúas horas, poderán repetir varias veces. Ademais, a tirolina continuará montada até o domingo -primeiro día da festa de Santa Isabel- con acceso para calquera por un prezo de 5€.

O resto das actividades do serán comezarán despois de que remate a tirolina. Así, a partir das 21.30h. a Casa da Cultura acollerá un guateque xuvenil con música picada pola discoteca móbil 719. De momento non se inscribiu ninguén xa que, quizais, hai quen pensa que non é necesario. Pero si, fai falla apuntarse como a calquera outra actividade dos Venres en Sansa!, algo que se pode facer mañá ou pasado na Casa da Cultura. A festa  finalizará sobre as 00.30h.

Por outra banda, ás 23.00h. comezará o obradoiro de observación astronómica no que van cubertas 15 prazas dun máximo de 20. Terá lugar no arboredo de especies autóctonas da Cortiña -ao pé do paseo fluvial do Xuvia- e, se vai mal tempo, a actividade trasladaríase á Casa da Xuventude convertida nunha charla sobre a materia.

A última das propostas, na que haberá alomenos 37 participantes, é unha ruta de sendeirismo que sairá do colexio público a iso das 22.30h. pasando logo pola Agra, por Cornide, o paseo fluvial e Intasa, desde onde emprenderá o regreso tirando para Currás, a capela do Belén e, de novo, o colexio. É obrigatorio levar chaleco reflectante e un foco de man ou unha luz frontal.

Os Venres en Sansa! enmárcase no programa municipal de actividades para a mocidade e, neste sentido, todo o que hai organizado vai, preferentemente, para persoas de non máis de 35 anos. Ademais, tamén terán prioridade persoas empadroadas no concello e as prazas dispoñibles en cada actividade van cubríndose por orde de inscrición. Se aínda así non se chega ao cupo previsto para cada iniciativa tamén  poden  participar persoas doutros municipios.

Encontro participativo “A rapazada conta”
O último dos Venres en Sansa! complementarase co encontro participativo “A rapazada conta”, organizado co gallo do evento de peche do proxecto europeo ECMYNN. Pola mañá haberá un encontro público na Casa da Xuventude onde se dará conta dos principais resultados deste proxecto transnacional no que participou San Sadurniño  xunto con entidades de Grecia, Italia, Polonia e Romanía.  

Porén, pola tarde -de 17 a 19.00h.- convocouse á xente nova para celebrar unha xuntanza a medio camiño entre o traballo e o entretemento. Nela tamén se fará balance do que deu de si o proxecto e falarase sobre como abrir novas vías de participación da mocidade na vida municipal, entre elas a dinamización da Casa da Xuventude e a definición dunha programación formativa e de lecer sostida que responda ás demandas da xente nova. Iso si, será unha cita informal, con moito xogo e moita parola onde o protagonismo sexa todo da xuventude.

O encontro tamén ten como obxectivo  verificar coa xente moza os principais datos obtidos na fase de estudo do ECMYNN e procurar unha maior implicación xuvenil na definición das políticas públicas. A convocatoria está aberta a toda a mocidade de San Sadurniño  e pouco antes de rematar farase o sorteo dun minidron Airis entre todas as persoas que lle desen ao “gústame” na noticia publicada hai uns días na páxina en Facebook do Concello de San Sadurniño.

 

Share.