Os Reis enchen de xogos o novo patio cuberto de Infantil

0

Os Reis Magos estiveron onte á tardiña no ximnasio do CPI de San Sadurniño. Trouxeron lambetadas, ilusión e bos desexos para este ano recén estreado. Porén, como anticipo da noite máxica de hoxe, tamén deixaron un agasallo no colexio. Mellor dito, varios agasallos para a rapazada de Educación Infantil. Unha estrutura con dous tobogáns, escaleiras e ponte colgante; outro tobogán máis ancho, un balancín de resorte… todo ao abrigo do novo patio cuberto construído polo Concello. Os Reis tiveron o detalle de deixar os xogos, pero non de montalos, algo que durante esta mañá acabaron de facer dous operarios co obxectivo de que todo estea listo para os primeiros días da reanudación do curso.

O novo parque infantil está homologado para nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, aínda que durante o horario lectivo só o utilizará a cativería máis pequena da escola. Polas tardes e nas fins de semana, fóra do tempo de clases, o novo parque será accesible desde a rúa lateral e estará aberto a todas as familias que queiran pasar un anaco coas crianzas.

O recinto acondicionouse cunha axuda autonómica destinada precisamente á posta en valor de espazos lúdicos no rural. Cun orzamento de 66.732 euros -40.000 Xunta e o resto o Concello- construiuse unha cuberta metálica de 26 metros de longo por 7 de ancho, gorecida dos temporais do sur con grandes paneis transparentes. Ademais tamén se botou no chan unha lámina acolchada sobre a que, hoxe mesmo, quedaron instalados os xogos para a cativería.

O proxecto de rehabilitación exterior do espazo anexo ás aulas de Educación Infantil tamén incluiu a colocación dun valado perimetral con portas de acceso ao resto do patio e ao acceso lateral do centro de ensino (o que dá á rúa do pavillón). Para instalar a estrutura e o equipamento interior foi necesario cortar unha das árbores e mondarlle as pólas a outra, pensando tamén na entrada da maior cantidade posible de luz natural.

Os tobogáns e outros xogos supuxéronlle aos Reis Magos un investimento próximo aos 12.000 euros. Melchor, Gaspar e Baltasar, porén, só fixeron a xestión de traelos, posto que ese importe asumírono a Xunta e o Concello nunha proporción 80-20%.

O novo equipamento está practicamente listo, despois de que este mediodía dous operarios rematasen de instalar os xogos e de limpar o espazo de follas e pólas. Só faltaría por colocar a banda de céspede artificial que rodeará o patio cuberto, para o que é preciso que veña tempo algo máis enxoito. Neste sentido, e malia que os xogos xa poderían ser utilizados a partir de luns polas nenas e nenos con total seguridade, a dirección do centro informou ao Concello de que agardará polo alfombrado perimetral antes de usar o parque durante os recreos.

Share.