Este luns á tardiña celebrouse o pleno extraordinario que tivo que pospoñerse a semana pasada por mor dun erro na notificación da convocatoria. A sesión levaba tres puntos na orde do día: a ratificación da urxencia da sesión -apoiada polo BNG e o PSOE e cos votos contrarios do PP-, a aprobación do nome de “Ramón Díaz Raña” para a principal praza do centro urbano e, en último lugar, o debate e votación dos orzamentos municipais para este ano, cifrados en 3.731.339,23€. As contas, que ocuparon case a totalidade dos 36 minutos que durou o pleno, saíron adiante cos votos favorables do grupo municipal do BNG, mentres que PP e PSOE optaron pola abstención.
O executivo local expresou, en primeiro lugar, o seu desexo de ter traído antes ao pleno o documento orzamentario. Neste sentido, a portavoz do BNG explicou que o retraso se debera a factores externos, como por exemplo a prórroga dos orzamentos do Estado -que impediu coñecer a participación do Concello nos Tributos do Estado e o teito de gasto, que aínda se saberá en setembro-, a falta na concreción de varias axudas autonómicas ou o impacto do impacto da suba dos prezos de SOGAMA, coñecida hai aínda escasas datas e que, segundo asegurou logo o alcalde, “suporá o 5% do capítulo dous do orzamento”.
O bloque destacou que a proposta medre un 1,33% con respecto ao ano pasado, ao tempo que cualificou o orzamento de “prudente, responsable e encamiñado a garantir a sostenibilidade económica do Concello e garantir os servizos esenciais para todas e para todos, centrados na prestación de servizos públicos de cercanía e de calidade e cun corte eminentemente social”. A este respecto, o BNG explicou que no apartado de gasto ” priorizáronse os servizos de xestión directa -nomeadamente lixo e SAF-“, así como os investimentos “en auga, rede viaria e espazos públicos”
O executivo puxo en valor “o rigor na previsión de ingresos” e insistiu en que o consistorio terá que seguir asumindo “un grande número de competencias impropias e que lastran aquelas que efectivamente son de competencia municipal”. Entre esas competencias impropias que, porén, o Concello está cubrindo na actualidade cóntanse a atención á dependencia ou a gratuidade da Escola Infantil Municipal, que supoñen “un esforzo importante a nivel orzamentario”.
Na súa intervención, o representante do PSdeG-PSOE repasou brevemente os informes favorables da Secretaría-Intervención municipal e reafirmou a solicitude de prudencia na execución do gasto “polo risco que pode supoñer de desaxuste nas contas”. O seu voto foi de abstención.
O PP tamén optou por absterse, non sen antes criticar a tardanza en someter a pleno a proposta. “Temos un equipo de goberno válido e con maioría absoluta que lle permite aprobar o orzamento cando queira”, dixo Belén Trigo Meizoso engadindo que a demora tería influencia na convocatoria de axudas e becas. O Partido Popular considerou “excesivo” o apartado reservado a gasto de persoal e tamén que “non sexa suficiente” a partida para emerxencia social e que, en cambio, se destinen fondos “á plantación de maceiras”.
O Bloque acusou de “incoherente” ao PP por votar en contra da urxencia do pleno e, por outra banda, “achacarnos que non se aproben os orzamentos”. Mari Carme Muíño precisou que a aprobación serodia do orzamento non suporá ningún retraso na concesión de bolsas escolares. O BNG tamén defendeu que o volume salarial do orzamento se debe a que nel se recollen todas as prazas previstas na RPT municipal, tanto as cubertas como as pendentes de cubrirse, ademais de que cómpre reflectir as subas dos soldos “que veñen regulados por lei”.
Mari Carme Muíño lamentou que as críticas do PP tamén se dirixan ao incremento do gasto social “que supera os 700.000 euros nun orzamento de 3,7 millóns”. A portavoz nacionalista tamén reclamou máis fondos para atender as competencias alleas ao Concello: “estariamos encantados de ampliar as coberturas se o financiamento por unha competencia impropia chegase”, dixo. Muíño Filgueira aclarou, ademais, que o Concello “cubrirá calquera emerxencia social” que se produza aínda que se esgote a partida prevista no orzamento con esa finalidade.
Na sesión tamén interveu o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, cualificando o investimento en fructicultura e no centro A Fusquenlla como “unha aposta para sacarlle rendemento a terras que están a silveiras”, algo que, segundo Varela “é unha competencia da Xunta”.
O debate sobre a proposta de orzamentos municipais para 2024 finalizouno o alcalde, Secundino García, volvendo criticar que o PP se opuxese á convocatoria urxente da sesión. O rexedor reiterou que someter a votación o orzamento a estas alturas do ano obedece a que “a participación nos Tributos do Estado e o teito de gasto aínda se aprobaron hai uns días” e a que, pola súa banda, “a Xunta non dixo ata o outro día o sablazo que nos vai meter por SOGAMA”, en alusión a eses ingresos e gastos que se deben incluír no orzamento e que non se coñeceron ata ben entrado este ano.
García Casal precisou que “é incorrecto” asegurar que San Sadurniño non conte con orzamento, posto que neste momento está prorrogado o do 2023 e que, polo tanto, están activas as partidas incluídas no decreto de prórroga, entre elas as bolsas escolares e outras axudas. O alcalde rematou cualificando a proposta de contas municipais para 2024 como “un orzamento realista que aposta polo mantemento dos servizos públicos”.
O orzamento quedou aprobado inicialmente cos sete votos favorables do BNG e a abstención dos tres membros do PP e do único representante PSdeG-PSOE. Entrará en vigor unha vez supere a fase de exposición pública, sempre e cando non se presenten alegacións que deban ser estimadas ou rexeitadas tamén en pleno.