Os orzamentos e o nome da praza Ramón Díaz Raña, en exposición pública até mediados de mes

0

A finais de xullo, os días 30 e 31 concretamente, publicáronse no Boletín Oficial da Provincia os anuncios de exposición pública dos orzamentos municipais 2024 e da denominación como Praza Ramón Díaz Raña da praza do antigo Concello. Tanto o orzamento como o nome da praza aprobáronse no pleno extraordinario do pasado 22 de xullo e co seu traslado ao BOP abriuse un período de 15 días (hábiles) en que calquera persoa interesada pode consultar os expedientes e presentar as alegacións que estime oportunas. O tempo para o orzamento finaliza o venres 20 de agosto, mentres que o do bautismo da praza remata o luns 23.

O máis probable, aínda que non seguro, é que non se presenten alegacións a ningún dos dous acordos, de maneira que unha vez superada a exposición pública entrarían en vigor de maneira definitiva. Se se dese o caso de que houbese algunha alegación, tería que ser de novo o pleno municipal quen decidise se a admite ou non.

O primeiro en publicarse no BOP -e polo tanto o primeiro en entrar en vigor- sería o orzamento municipal, que se sitúa en 3.731.339,23€, un 1,33% máis que o ano pasado, e onde destaca Capítulo II -dotado con 1.486.205,70€- onde se inclúe o investimento en gasto social e onde ten un grande peso o sostemento dun Servizo de Axuda no Fogar de titularidade pública e xestión directa.

Tamén relevante é o Capítulo IV das transferencias correntes, cunha reserva superior aos 183.000 euros para colaborar co tecido sociocultural e deportivo,o mantemento de bolsas de estudo, a asistencia social de emerxencia.

Por outra banda, o orzamento destina 636.000 euros a investimentos reais. A maior parte dos proxectos previstos financiaranse con subvencións ou transferencias de capital doutras administracións -o cadro orzamentario recolle 446.624,22 euros-, aínda que o consistorio tamén achegará preto de 190.000 euros de recursos propios.

Nas macrocifras do cadro orzamentario recóllense, por último, 1.397.321,01€ para o total dos postos definidos no documento da Relación de Postos de Traballo (RPT), tanto aqueles que xa están cubertos na actualidade como os pendentes de cubrir.

Ao día seguinte de publicarse o inicio do período de exposición do orzamento tamén o fixo o acordo de aprobación inicial do nome da praza do antigo Concello, bautizada como Praza Ramón Díaz Raña. A decisión do pleno, adoptada por unanimidade, tamén permanecerá aberta a posibles alegacións durante 15 días -o prazo remata o luns 23 de agosto- e, de non haber ningunha, quedará aprobada definitivamente. A partir de aí, o Concello deberá informar da nova denominación ao INE,ao Catastro, ao Rexistro da Propiedade e a Correos.

 

Share.