Os Currás volve ser capital do fútbol base durante tres días

0

Máis de 500 nenas e nenos, 44 equipos  de tres categorías e un grande reto organizativo para o CF San Sadurniño son as tres claves informativas do XVI Torneo de fútbol 8 que se disputará no campo municipal da piscina desde este venres 17 de xuño até o domingo 19. Unha cita que converterá San Sadurniño en capital comarcal do deporte de base durante tres días e que, ademais, é o último grande evento antes das vacacións do verán logo dunha intensa temporada. O club local é anfitrión dun torneo que volve ao calendario tras dous anos de interrupción por causa da pandemia. Unha cita que é  punto de encontro para os equipos e as familias e, ao tempo, festa deportiva de arranque do verán. De feito, a piscina municipal permanecerá aberta estes tres días exclusivamente para o goce da rapazada do torneo, antes da apertura oficial prevista para o luns. 

Ao torneo acudirán un total de 44 equipos da base dos clubes desde a ría até o Ortegal. Confirmaron inscrición cadros do Neda, o Galicia de Caranza, o Portuarios, o Ánimas, o Cedeira, o As Pontes, o Perlío, O Freixo, o Orillamar, O Val, o Narón, o Portuarios, o Ortigueira, o Rácing San Pedro, o Libunca, o Eume e, por suposto, as escuadras da base da EF Irmandiños. Xogaranse partidos en tres categorías: prebenxamín, benxamín e alevín.

O pitido inicial da rolda de enfrontamentos darase este venres ás 16:00h. cos partidos de prebenxamíns entre o Neda  e  o Galicia de Caranza e entre o Ánimas e o Cedeira, que se xogarán -igual que o resto dos encontros- simultaneamente, xa que o campo se dividirá en dúas canchas. Neste primeiro apartado do torneo participarán 12 equipos en catro grupos xogando en tempos de 20 minutos, mentres que as semifinais e as finais se xogarán a un único tempo de 25 minutos. Prevese que a final comece sobre as 21:30h.

sábado a actividade futbolística nos Currás comezará ás 10.30h. e tamén con partidos simultáneos a medio campo. Xogaranse os encontros de benxamíns, onde entran un total de 16 equipos a razón de catro por grupo. Se se cumpre o cronograma, as semifinais xogaranse ás 19:30h. e xusto unha hora despois comezará a final da categoría.

O domingo resérvase para as competicións de alevíns, tamén con 16 equipos e arranque ás 10:30h. O cadro de enfrontamentos calcula que os cuartos de final entre grupos se xoguen a partir das 18:00h, que as semifinais a catro -simultáneas nas dúas canchas- se disputen a partir das 19:30h e que a final da categoría e derradeiro partido do torneo comece ás 20:30h.

Segundo Meteogalicia, o tempo pode deixar algunha chuvia feble na tarde do sábado e na xornada do domingo, froito da inestabilidade que estamos vivindo nos últimos días. A auga non parece que vaia ser inconveniente, nin tampouco a temperatura, que andará durante a fin de semana entre os 20 e os 23 graos.

Igual que outros anos, o Concello abrirá a piscina municipal para que as nenas e nenos poidan refrescarse entre partido e partido. Trátase dunha apertura previa á oficial -a partir do luns- e é exclusiva para os equipos participantes no torneo organizado polo CF San Sadurniño con colaboración do Concello, da Deputación da Coruña e 51 firmas comerciais de dentro e fóra de San Sadurniño.

Cadro horario do XVI Torneo de Fútbol 8 do CF San Sadurniño

Sin título-5_Original ratio_1073x2145_H_80

Share.