Hai escasamente unha hora que rematou o XXX Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño. E fíxoo despois de estrear formato e por xogarse por primeira vez no campo municipal dos Currás despois de tres décadas disputándose en Naraío. A partir de agora a competición estival irá alternando entre Naraío e San Sadurniño e, ademais -o importante-, terá apartado non só masculino, senón tamén feminino. Este 2023 foi a primeira edición dunha nova etapa que, ademais, tamén serviu para lanzar unha mensaxe clara e comprometida contra o machismo no fútbol e en todos os deportes.
O XXX Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño comezou a media tarde co encontro entre as cadetes da SD O Val e o equipo feminino do CD As Pontes, ambas formacións creadas este ano. As valexas, xogaron con decisión e facéndolle fronte ás máis veteranas das Pontes, que acabarían vencendo pola mínima de 1 gol a 0 preto xa do final do partido.
No serán tamén se xogou o derbi local entre o CF San Sadurniño e a UDC Narahío. Os de San Sadurniño dominaron claramente a primeira parte e un bo bocado da segunda, tempo no que marcaron os dous tantos que deixarían o trofeo nas súas vitrinas do campo da piscina. O Narahío tentou reacciónar no último cuarto de hora e foi capaz de crear máis ocasións e de ofrecer un xogo de maior calidade que, porén, non lle serviu para mover o marcador do 2-0 final.
Esta 30ª edición do Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño quedará para a historia como a primeira en que se xogarán dous partidos, un feminino e outro masculino, como xeito de “promover o deporte en igualdade”, tal e como comentou o concelleiro titular da área, Manel Martínez.
Un compromiso que tamén se visibilizou coa reivindicación “Polo deporte libre de machismo. #ACABOUSE” escrita nunha grande pancarta que foi estendida polos catro equipos participantes no trofeo.
Tamén se estrearon agasallos para as escuadras campioas e subcampioas: unha reprodución do castelo de Naraío imprimida en 3D. Ademais o trofeo inicia nova etapa organizativa, xa que a intención do Concello é que os partidos se alternen de ano en ano entre o campo dos Currás e o da Veiga.