O ximnasio municipal volverá abrir a partir do 29 de xuño

0

A progresiva mellora da situación sanitaria e a rebaixa das restricións -que non da precaución que se debe ter- levaron ao Concello a reabrir o ximnasio municipal, pechado desde hai máis dun ano. A data sinalada é o próximo 29 de xuño e o traballo no interior das instalacións só poderá facerse, de momento, en quendas de dúas horas e de 6 en 6 persoas, con reserva previa a través do teléfono 672 942 426. Os luns e mércores abrirá de 15.30 a 23.00h e os martes e xoves só polas mañás, entre as 8.30 e as 16.00h, aínda que de 11 a 14.00h a actividade será exclusivamente ao aire libre e nese caso para grupos de ata 10 persoas. Os venres o traballo concentrarase pola mañá dentro das instalacións.

Polo de agora o ximnasio seguirá aplicando as medidas preventivas actuais, que poderían verse modificadas nos próximos días segundo o que publique a Xunta en canto a capacidades máximas e grupos (prevese que mañá saia unha nova orde ao respecto).

O que si é seguro é que o acceso ao interior das instalacións se fará en grupos reducidos (6 persoas ao mesmo tempo), mantendo a separación de 1,5 metros e coa obriga de que cada usuario ou usuaria desinfecte os aparellos antes e despois de usalos. Tamén será obrigatorio o levar máscara en todo momento, ademais de empregar a toalla para protexer, por razóns hixiénicas, aqueles equipamentos onde se produce un maior contacto co corpo, como por exemplo bancos de pesas e abdominais ou bicicletas estáticas.

No caso das actividades que se fagan no exterior os grupos poderán ser de ata 10 persoas, gardando tamén a separación e con máscara. O material necesario para as rutinas -esterillas, bandas elásticas, etc.- haberá que traelo da casa.

Para poder utilizar o ximnasio -incluída a asistencia e dirección dos exercicios por parte do técnico municipal- será necesario reservar a través do teléfono 672 942 426. Para facilitar as cousas, o responsable do servizo creará un grupo de whatsapp e irá publicando cada día os horarios das quendas e o número máximo de participantes en cada unha delas, co obxectivo de que as persoas interesadas poidan ir enchendo os ocos dispoñibles ata cubrir o aforo, sexa para actividade en interior ou en exterior.

As sesións serán todas de dúas horas de duración, deixando un cuarto de hora de marxe para ventilar e para a entrada escalonada de usuarias e usuarios entre aquelas  quendas que se desenvolvan dentro do ximnasio.

DÍAS

ACTIVIDADE

QUENDAS

Luns e mércores

Traballo no ximnasio

16.00 a 18.00h

18.15 a 20.15h

20.30 a 22.30h

Martes e xoves

Traballo no ximnasio

9.00 a 10.45h

14.15 a 16.00h

Traballo no exterior

11.00 a 12.30h

12.30 a 14.00h

Venres

Traballo no ximnasio

9.00 a 11.00h

11.15 a 13.15h

13.30 a 15.30h

 

Share.