A galería da Casa do Concello, reestreada hai unhas semanas, non só ofrece un magnífico espazo expositivo, senón tamén para outras actividades que agradecen a luz natural, a tranquilidade e un sitio acolledor para se desenvolver. Unha delas ben podería ser o xadrez e, de feito, serao o xoves 19 de decembro. E é que a Concellaría de Deportes e a Asociación Galega de Xadrecistas organizan ese día un torneo para maiores de 11 anos que ten abertas as inscricións ata o luns 16. Nel poderán participar tanto alumnas e alumnos do CPI como calquera persoa afeccionada que queira poñer a proba a estratexia a súa rapidez mental.
O xadrez leva tempo de moda. A serie de Netfilx “Gambito de Dama”, estreada en 2020, segue estando entre as cinco máis vistas en toda a historia da plataforma; e a súa protagonista, Beth Harmon -personaxe de novela interpretado na adaptación televisiva pola actriz Anya Taylor-Joy-, tivo moito que ver no grande boom que multiplicou as vendas de taboleiros e o número de practicantes deste xogo-deporte milenario, sobre todo entre a mocidade.
En 2021 (ano de caída xeralizada de licenzas en todos os deportes) había en España 22.426 licenzas federativas.En 2023 a cifra medrara ata as 30.925. Iso si, en 2019, xusto antes do fenómeno “Gambito de Dama” e da pandemia, o número de licenzas era de 29.826, polo que cómpre relativizar o tirón da serie, polo menos en canto a altas federativas.
Outra cousa é a afección, federada ou non, que nestes momentos goza dun bo momento tal e como testemuñan os numerosos torneos amadores que se organizan. Na web da Federación Galega de Xadrez apúntase que este 2024 vai rematar con 54 torneos disputados polas catro provincias (á marxe das competicións oficiais), oito durante este mes de decembro.
A eles hai que engadirlles os torneos e eventos promocionais, como os que organiza a Asociación Galega de Xadrecistas. Este colectivo e a área municipal de Deportes colaboran nunha cita que se desenvolverá o xoves 19 de decembro a partir das 12:00h na Galería da Casa do Concello, co obxectivo de fomentar a práctica desta disciplina entre a veciñanza, sobre todo entre a máis nova.
O torneo contará maioritariamente con xogadoras e xogadores do CPI, pero nel poderá participar calquera persoa maior de 11 anos que saiba os movementos das pezas, independentemente do seu nivel de xogo.
Disputarase a seis roldas polo sistema suízo -non se elimina a ninguén- e cun máximo de 50 xadrecistas. Estímase que a duración total serán algo máis de dúas horas, incluída a entrega de premios para as tres mellores clasificacións e das medallas para todas as persoas participantes.
As inscricións, gratuítas, poden facerse ata o luns 16 cubrindo esta ficha, que se deberá entregar na Casa da Cultura ou ben rexistrala na Sede Electrónica. O alumnado do CPI de San Sadurniño poderá apuntarse no propio centro.