O venres abre o prazo para solicitar abonos e preinscribirse nos cursos da piscina

0

A piscina municipal de San Sadurniño volverá abrir ao público o luns 20 de xuño, aínda que nesa fin de semana xa poderán gozar dela as rapazas e rapaces participantes no torneo de fútbol organizado polo CF San Sadurniño. Durante estes días desenvólvense traballos de limpeza e de posta a punto das instalacións, que permanecerán abertas até o 4 de setembro con posibilidade de estirar a temporada un pouco máis se viñesen días de calor. Ademais, o Concello tamén adxudicou xa o servizo de socorrismo e a xestión da cantina, de modo que só falta un bo subministro de sol para que o verán sexa perfecto. Mentres se prepara a apertura, o departamento de Deportes abrirá este venres 10 de xuño o prazo para solicitar os abonos individuais e familiares de temporada e tamén para preinscribirse nos cursos de natación, que volven despois de dous anos. As instancias hai que presentalas na Sede Electrónica ou presencialmente na Casa do Concello en horario de 9 a 14.00h. de luns a venres. 

O horario de baños libres será o mesmo que o ano pasado e manterase fixo durante toda a temporada: de 15:00 a 21:00h. pola semana e de 14:00h. a 21:00h. os sábados, domingos e festivos. As actividades da escola municipal de natación desenvolveranse os  martes e xoves de 10:30 a 12:30h. ofertando durante xullo e agosto iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de inscricións.

Para preinscribirse nos cursos hai que enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao 616 332 919, co obxectivo de ver cantos grupos se forman. Posteriormente, unha vez nos confirmen a praza, haberá que rexistrar a solicitude e efectuar o pagamento da taxa directamente no Concello. O pago pode facerse con tarxeta  no rexistro municipal no momento de levar os papeis, pero tamén se pode pagar na Casa da Cultura ou ben no banco por ingreso ou transferencia, cuxo resgardo deberá adxuntarse despois á solicitude.

As entradas individuais para baños libres -3,58€ adultos e 1,80€ menores de 14 anos- deberán collerse cada día na cantina da piscina. Porén, o máis interesante é mercar un abono xa que, por exemplo, unha persoa adulta que merque tique para toda a tempada -31,69 €- terao descontado en tan só 9 baños. O Concello habilitará entre o 11 e o 25 de xuño un primeiro prazo de solicitude de abonos para persoas empadroadas e, transcorrido ese prazo, poranse á venda para o público en xeral os que non se asignasen.

As solicitudes de abono hai que presentalas na Casa do Concello ou na Sede Electrónica, adxuntando fotocopia do carné da persoa solicitante, fotografías tamaño carné das persoas beneficiarias do abono -poden ser unha ou varias se é familiar-, o volante ou volantes de empadroamento, o resgardo do pagamento da taxa, a ficha de solicitude e, de ser o caso, a fotocopia do carné xove (só para abonos individuais). Igual que ocorre cos cursos, o pagamento pode facerse con tarxeta no Concello, na Casa da Cultura ou ingresando/facendo transferencia e incorporando o resgardo ao formulario de petición.

Os prezos xerais das entradas individuais, dos abonos  e dos cursos son os que figuran na ordenanza:

Concepto

Importe (€)

Entrada individual diaria de persoas adultas

3,58 €

Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos

1,80 €

Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos)

31,69 €

Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos)

40,75 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello)

56,60 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello)

67,92 €

Abono de tempada familiar, por cada persoa a partires da 5.ª (independente do empadroamento)

5,66 €

Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas empadroados (ata 14 anos)

13,58 €

Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas non empadroados (ata 14 anos)

16,98 €

Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos empadroadas no Concello

22,64 €

Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos non empadroados no Concello

28,30 €

 

Documentación descargable (pdfs editables):
Solicitude de abonos da piscina 
Folla de autoliquidación da taxa
Ficha de preinscrición na escola municipal de natación

Folla informativa xeral

Share.